Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CXPX pide "contención" a Sánchez e a fiscalía europea asume parte da causa contra a súa muller

O CXPX pide "contención" a Sánchez e a fiscalía europea asume parte da causa contra a súa muller

O órgano dos xuíces asegura que a misiva publicada polo presidente do Goberno "só contribúe á deterioración da independencia xudicial"

Os xuíces piden respecto polas decisións xudiciais, "especialmente por parte de aqueles que están á fronte das institucións"

A Fiscalía Europea reclámalle ao xuíz Juan Carlos Peinado unha parte da investigación aberta contra Begoña Gómez

G24.gal 10/06/2024 11:29 Última actualización 10/06/2024 19:03

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) pediu "contención" ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e avisou de que a carta que publicou o pasado 4 de xuño "só contribúe á deterioración das institucións" e da "independencia xudicial".

Así se pronunciou o órgano de goberno dos xuíces nun comunicado emitido este luns por unanimidade "tras as manifestacións contidas" na misiva na que se fai "unha valoración política de actuacións dun xuíz de instrución".

"Facemos un novo chamamento á contención e á evitación de calquera clase de xuízo de intencións que só contribúe á deterioración das institucións e, en definitiva, da democracia constitucional da que a independencia xudicial é un dos seus piares fundamentais", sinalou o CXPX.

Os vogais lembran que "as resolucións xudiciais, aínda que están suxeitas á crítica moderada e racional de quen discrepe delas, merecen o máximo respecto de todos e, de maneira especialmente cualificada, por quen está á fronte das institucións, sen excepción ningunha".

A petición da Fiscalía Europea deixa en mans do xuíz a decisión de manter ou suspender a súa declaración como imputada do próximo 5 de xullo. A causa contra Begoña Gómez pola denuncia de Mans Limpas ten dúas ramas. Unha afecta o uso de fondos europeos en contratos públicos adxudicados por Red.es a Barrabés, director do máster da cátedra da Universidade Complutense que codirigía con Begoña Gómez A outra, a un suposto vínculo da esposa do presidente co rescate a Globalia, que a Audiencia Provincial ve como unha "simple conxectura" de feitos "inverosímiis", polo que pediu ao xuíz centrar a investigación nas adxudicacións ao empresario.

O regulamento da Fiscalía Europea establece que cando exerza o seu dereito de avocación sobre unha causa, "as autoridades competentes dos Estados membros transferiranlle o expediente e absteranse de realizar novos actos de investigación en relación co mesmo delito". Sobre o papel isto quere dicir dúas cousas, que o xuíz Peinado que dirixía a investigación ata o de agora deixará completamente en mans da Fiscalía Europea a parte principal da causa. E que non poderá practicar dilixencias nin avanzar nas pescudas, o que supón suspender as testificais do próximo domingo 16 e a citación como investigada de Begoña Gómez do 5 de xullo, que o xuíz acordou sobre a base da investigación dos contratos.

 

Os xuíces de Madrid saen en defensa de Juan Carlos Peinado

Os xuíces de instrución de Madrid mostraron o seu apoio ao titular do Xulgado de Instrución 41 de Madrid, Juan Carlos Peinado, "fronte aos ataques profesionais, persoais e familiares que está a recibir" desde que investiga a Begoña Gómez, a esposa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. 

Nunha declaración institucional, difundida pouco despois de que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) pedira a Sánchez "contención" nos seus comentarios sobre os xuíces, os compañeiros de Peinado lamentan respecto a este maxistrado "o cuestionamento permanente do seu labor xurisdicional e da súa independencia xudicial, como consecuencia dunha investigación concreta”.

Os xuíces arremeten tamén contra o Goberno ao rexeitar “as descualificacións" que escoitaron estes días "procedentes de quen ostenta cargos no Executivo, mesmo do propio presidente do Goberno, que lonxe de respectar a independencia xudicial e a separación de poderes, de maneira constante, trata de socavar a confianza dos cidadáns nos xuíces”.

“A lei é igual para todos, sen privilexios, e, desde esta premisa, seguiremos desempeñando a nosa función constitucional, como integrantes do Poder Xudicial, e de servizo público aos cidadáns”, advirten.

Comparecencia de Pedro Sánchez na Moncloa (EFE/Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa) Comparecencia de Pedro Sánchez na Moncloa (EFE/Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa)

O pronunciamento dos xuíces prodúcese case unha semana despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, publicara unha carta aos cidadáns a través das redes sociais horas despois de que o xuíz que investiga á súa esposa, Begoña Gómez, decidise chamala a declarar como investigada por presuntos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios o próximo 5 de xullo.

"Habitualmente, seguiuse a regra non escrita de non ditar resolucións susceptibles de condicionar o desenvolvemento normal dunha campaña electoral e, por tanto, o voto dos cidadáns. Neste caso, resulta evidente que esta práctica non se respectou. Deixo ao lector extraer as súas propias conclusións", sinalou o xefe do Executivo.

O pasado xoves o órgano de goberno dos xuíces anunciou que se reuniría este luns de forma extraordinaria "a fin de pronunciarse sobre as últimas manifestacións públicas que poden afectar á independencia xudicial".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade