O delegado do Goberno prevé que os novos descontos da AP-9 se apliquen de xeito inmediato
O delegado do Goberno prevé que os novos descontos da AP-9 se apliquen de xeito inmediato
Pedro Blanco asegura que os novos descontos das peaxes figuran no acordo de Goberno para tender á gratuidade da infraestrutura
Mantén a data de 2032 para unir Galicia e Portugal co AVE e recoñece que houbo abandono na mellora das estradas estatais
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confía en que os novos descontos para os usuarios da AP-9 estean en vigor en breve.
"Eu espero que unha vez que foi declarada a urxencia do procedemento (que acurta á metade o prazo das alegacións) no menor tempo posible poremos en marcha esas bonificacións".
Nunha entrevista na Radio Galega, o delegado asegurou que o Ministerio de Transportes cumprirá coa palabra dada, como xa fixo cando se implantou a gratuidade na AP-9 nos desprazamentos de volta dentro do mesmo día.
"As cantidades que o Goberno destinou a bonificacións para a AP-9 ascenden a 128 millóns de euros dende o 2021... Son descontos que figuran no acordo de goberno para tender á gratuidade desta autoestrada".
Outra das vías de comunicación pendentes do Executivo é o viaduto da A-6 do Castro, en Pedrafita. O delegado confirmou que estará operativo nas datas estimadas: a finais deste ano ou principios de 2025.
"Confío en que coa entrada do próximo ano poidamos ir e volver a Madrid facer as compras e visitar a familia por estes dous viadutos que colapsaron", dixo.
En canto ás queixas dos usuarios polo estado do firme das estradas convencionais e autovías que dependen do Estado, Pedro Blanco recoñeceu que foi algo que estivo esquecido durante anos, pero que, dende o 2018, o Goberno traballa para telas a punto.
"Dende 2018 os investimentos para arranxar as vías da rede do Estado superaron os 650 millóns, dos que máis de 340 millóns foron para a conservación das estradas. Son obras que estiveron esquecidas e que, nalgúns casos, melloralas dependeu de factores como a meteoroloxía. Estamos tratando de recuperar o tempo perdido", asegura.
Máis prazas no AVE a Madrid e alta velocidade con Portugal
Outro dos asuntos nos que o Executivo ten o foco é no incremento de prazas na liña de AVE Galicia-Madrid. Esta semana, anunciáronse 2.500 novas prazas semanais para aumentar a oferta ante a demanda que ten a liña.
"Queremos que esta liña de ferrocarril sexa mais áxil e alcanzable grazas ós bonos que forman parte da política deste goberno", sostén Pedro Blanco.
Sobre a conexión da alta velocidade con Portugal, o delegado do Goberno asegura que no primeiro trimestre de 2025 terán listo o estudo informativo e, se non hai ningún atranco, a conexión por AVE co país veciño estará lista en 2032.
"Estamos cumprindo con Galicia e traballamos nesa saída do AVE a Portugal con orzamentos e solucións", asegura Blanco.
Bono alugueiro mozo
O delegado do Goberno cifrou en case 5.900 as persoas en Galicia beneficiadas do bono alugueiro mozo.
"Malia a que a política de vivenda está transferida ás comunidades, para nós é tamén política de Estado para conseguir a emancipación da xente nova", sinalou Pedro Blanco.
Pero ao tempo recalcou que non se axuda só co bono de alugueiro, senón tamén poñendo en marcha todos os mecanismos de acceso da Lei de vivenda, coa declaración de zonas tensionadas naqueles lugares onde os alugueiros superan o 30 % dos ingresos.
"Os datos demostran que é un mecanismo que pode permitir unha redución das rendas e bonificacións aos arrendadores de ata o 90 %. Son medidas que teñen que ir acompañadas da construción de vivenda accesible e de rehabilitación", dixo.