Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ascenden a 10 os detidos no operativo contra narcotráfico na Costa da Morte e O Salnés

Ascenden a 10 os detidos no operativo contra narcotráfico na Costa da Morte e O Salnés

A actuación segue aberta e non se descartan novos arrestos

Este vernes está previsto que os detidos pasen a disposición xudicial

G24.gal 24/10/2024 11:33

O operativo contra o tráfico de drogas realizado nas últimas horas pola Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional en varios puntos da provincia da Coruña, principalmente na Costa da Morte, e na comarca do Salnés remata, polo momento, cunha decena de persoas detidas.

Así o confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen explicou que do total de detidos, un quedou en liberdade. 

Fontes da investigación matizaron que o resto permanecen en dependencias policiais, á espera de pasar a disposición xudicial, previsiblemente este venres. A actuación está dirixida desde un xulgado de Corcubión, que declarou a causa secreta.

Con todo, a actuación segue aberta e non se descartan máis arrestos. O delegado do Goberno puxo en valor a "determinación" das Forzas e Corpos de Seguridade, ás que felicitou polo seu traballo, na loita contra o tráfico de drogas "en todos os niveis", tanto desde a gran distribución, como o tráfico intermedio ou o polo miúdo.

Ademais das detencións, nas últimas horas tamén se desenvolveron unha decena de rexistros simultáneos na Illa de Arousa, Cee, Carballo, Muros e Coristanco, e interviñéronse cantidades non especificadas de cocaína e haxix, diñeiro e outros efectos vinculados coa actividade delituosa.

Decenas de axentes despregáronse desde primeira hora do mércores en localidades como Fisterra, Cee, Muros e Carballo, na provincia da Coruña, así como na Illa de Arousa, en Pontevedra, onde rexistraron vivendas e baixos.

No caso de Carballo, inspeccionouse un edificio na avenida de Fisterra propiedade de dous irmáns, vellos coñecidos das forzas da orde, e, no mesmo concello, houbo rexistros noutras parroquias. En Fisterra, a Policía actuou na contorna da rúa Alcalde Fernández, e na Illa de Arousa levou a cabo polo menos un rexistro, nun chalé individual situado na zona das Rubas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade