O día a día dos refuxiados unha vez que chegan a Galicia
O día a día dos refuxiados unha vez que chegan a Galicia
Os migrantes comparten a cotidianidade de Monterroso
Esta segunda quincena de agosto Monterroso ocupou moitas portadas, primeiro pola celebración da novena edición do Festival Agroqueer, do que aínda quedan bandeiras e espírito, e a última semana do mes pola chegada de 126 refuxiados, todos eles homes, a un concello duns 3.500 habitantes.
Como cada día un, hoxe hai feira na localidade. Mustafa e Dan, dous refuxiados procedentes do Senegal, pasean polo mercado. Con 19 anos, Mustafá, que levaba 9 meses nas Canarias e a quen lle gustaría quedar en Monterroso, xa fala español abondo para explicarnos exactamente que quere.
A diferenza de Mustafá, o senegalés Mohamed chegou ás Canarias cando aínda era menor. Agora, con 18 anos, coméntanos que quere traballar aquí.
Home, tamén de nome Mustafá, era agricultor en Burkina Faso. Escapou da guerra e da miseria. No seu país deixou muller e tres fillos que lles gustaría traer para España algún día.
Nun banco sentan para buscar ofertas de emprego na prensa, teléfonos aos que poder chamar ao rematar a formación que van recibir. José Antonio, un veciño de Monterroso senta con eles.
Nun xornal vello miran a reportaxe doutros que, coma eles, cruzaron en caiuco, unha viaxe terrible que só se concibe cando a miseria, a fame, a guerra e a inxustiza social son maiores que o medo a morrer no mar.