O Exército únese de novo á Xunta na loita contra os incendios no verán
O Exército únese de novo á Xunta na loita contra os incendios no verán
As Forzas Armadas incorpóranse ao operativo co obxectivo de mellorar a seguridade de persoas e bens e, en xeral, a protección e defensa da riqueza forestal de Galicia
Un total de 30 patrullas do Exército e dous equipos de mantemento móbil súmanse aos efectivos antiincendios forestais da Xunta de Galicia para reforzar este verán a vixilancia dos montes e a disuasión dos pirómanos e a súa identificación.
Así o destacou este venres en Pontevedra o conselleiro de Medio Rural, José González, quen, acompañado por Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presidiu un ano máis a presentación das tropas da operación Sentinela Galego, no marco dun convenio entre o Goberno galego e o Ministerio de Defensa.
González destacou que o obxectivo é que a presenza de medios militares contribúa a atallar lumes e actividades incendiarias.
O titular do Medio Rural lembrou que os efectivos das Forzas Armadas incorpóranse ao operativo co obxectivo de mellorar a seguridade de persoas e bens e, en xeral, a protección e defensa da riqueza forestal de Galicia.
Entre eses efectivos atópase a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), creada en 2021, a cal traballa para esclarecer as circunstancias dos incendios.
No campo tecnolóxico, o dispositivo conta con drons despregados polo territorio e cámaras de última xeración na rede de vixilancia fixa, provistas dunha tecnoloxía especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal que pode identificar mesmo matrículas de vehículos.
José González volveu a apelar á prudencia e á colaboración cidadá e lembrou que, neste sentido, esta ao dispor da xente o teléfono gratuíto 085 para que chamen en caso de detectar algún incendio forestal, así como o teléfono anónimo 900 815 085 para denunciar calquera actividade incendiaria.