O sorteo 11/11 da ONCE reparte máis de 16 millóns de euros en Santiago
O sorteo 11/11 da ONCE reparte máis de 16 millóns de euros en Santiago
Juan Carlos Rodríguez Collazo vendeu en Porta Faxeira a serie agraciada con 11 millóns e 108 premios de 50.000 euros
O 11/11 da ONCE repartiu 16.400.000 euros en Santiago de Compostela. O vendedor Juan Carlos Rodríguez Collazo vendeu a serie agraciada cos 11 millóns de euros e 108 cupóns máis, premiados con 50.000 euros cada un, no sorteo extraordinario celebrado na noite deste sábado.
Dáse a circunstancia de que Galicia repite como agraciada, xa que o ano anterior os 11 millóns caeron en Ribadeo, na Praia das Catedrais. Constitúe, ademais, un dos premios máis importantes repartidos pola ONCE na comunidade galega.
O vendedor Juan Carlos Rodríguez reparte sorte, premios e ilusión desde o seu punto de venda habitual en Porta Faxeira, unha zona de moito tránsito de Santiago de Compostela, onde di repartilo “ao picoteo” entre turistas, peregrinos e comerciantes.
“Estou moi nervioso. Estaba convencido de que ía dar o premio. Onte á noite mesmo o soñei, pasei a noite moi intranquilo porque sabía que ía repartir o premio, e así foi”, dixo moi contento e satisfeito.
Juan Carlos leva desde o 28 de decembro de 2021 como vendedor da ONCE e xa deu un Sueldazo o ano pasado, tamén entre moita xente do barrio. Ademais, dáse a casualidade de que dúas familias de amigos, con quen comparte habitualmente un cupón nos sorteos máis destacados, como os extraordinarios, tamén foron agraciados.
“Somos tres parellas que levamos toda a vida xuntos e estou moi contento por eles”, dixo.
Premios dun millón
O Extra do 11/11 da ONCE repartiu tamén premios dun millón de euros en Valverde del Camino (Huelva), en Alxeciras, en Blanes (Xirona), na cidade de León e en Campo Real (Madrid).
En total o Extra do 11/11 da ONCE repartiu 21.400.000 euros en premios maiores por distintos puntos da xeografía nacional.