Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz recibiu xa dez mil visitantes

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz recibiu xa dez mil visitantes

O lema da edición actual xira arredor do xardín como unha obra de arte

As propostas homenaxean correntes como o cubismo, o surrealismo ou o impresionismo

Nove xardíns de cinco nacionalidades compiten este ano

G24.gal 12/07/2024 21:19 Última actualización 12/07/2024 21:40

Catorce anos leva xa Allariz celebrando este evento, único das súas características no Estado español, e que ten como obxecto a exaltación do paisaxismo como arte. E máis que nunca a edición deste ano dá fe dese propósito porque a temática xira arredor dos movementos artísticos e algúns dos seus grandes expoñentes. 

Doce xardíns se exhiben nun espazo de 37 mil metros cadrados. Nove deles entran en competición. Haberá dous gañadores que terán a honra de manterse na edición do vindeiro ano. Un deles é escollido por un xurado técnico e o outro sairá da elección do público. Ata agora pasaron polo festival, que abriu a mediados de maio, dez mil visitantes. A organización agarda chegar aos 40.000 do ano pasado. 

"O xardín ao revés", que recrea o mundo surrealista de pintores como Magritte, ou "A arte de Mallo" que evoca tamén unha obra da pintora galega Maruja Mallo, expoñente desta corrente no noso país, son dúas das favoritas do público. Outros xardíns evocan a intervención de Ibarrola no ecoespazo do Rexo (Allariz), hai tamén propostas arredor do pop art, do cubismo ou un orixinal deseño que enmarca nin cadro de madeira un xardín con xirasois e flores silvestres que nos trasladan ás paisaxes de mestres do impresionismo como Monet ou Van Gogh.

O festival, situado na marxe dereita do río Arnoia, estará aberto ata o mes de outubro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar