O filme galego 'O Corno', a pola Cuncha de Ouro
O filme galego 'O Corno', a pola Cuncha de Ouro
Por primeira vez, unha película en galego aspira ao máximo galardón en San Sebastián
Unha ollada á maternidade no tardofranquismo con ecos na actualidade
A directora Jaione Camborda, a actriz principal Janet Novás e a novísima promesa do cinema galego Carla Rivas atravesaron a alfombra vermella do Kursaal. Era a estrea oficial d'O corno. Por primeira vez unha película en galego, dirixida por unha vasca, opta a unha Cuncha de Ouro.
Jaione Camborda admite: "É curioso, porque eu son de Donosti, residente en Galicia xa hai 13, 14 anos, e traer aquí unha peli en galego é como que conflúen os dous mundos, e é moi bonito".
O corno é unha película que fala da maternidade desde distintos puntos de vista. A bailarina Janet Novás troca agora a danza pola interpretación: "Para min foi moi bonito poder prolongar este traballo físico que eu levo a unha personaxe".
Carla Rivas, de 18 anos, arousá do Carril, sorprende coa intensidade da súa ollada. Explica: "Cando fixen a proba fixéronnos un xogo de olladas, tiñas que expresar cos ollos diferentes sensacións. Xa imaxinei que ía ter un gran papel a ollada".
Bo momento do cinema galego. Onte, O soño da sultá conseguiu o premio dos guionistas vascos. Mañá, e fóra de concurso, na sección Made in Spain, proxéctase outra película galega: Matria.