Publicador de contidos

Publicador de contidos

O 'Galicia por Diante' sacou os micrófonos á rúa e 'A Crónica' fíxose, por primeira vez, con público

O 'Galicia por Diante' sacou os micrófonos á rúa e 'A Crónica' fíxose, por primeira vez, con público

A Radio Galega fixo unha programación especial no seu corenta aniversario

G24.gal 24/02/2025 20:41 Última actualización 24/02/2025 20:54

 Os micrófonos da Radio Galega saíron este luns á rúa para celebrar o 40 aniversario de emisións. Kiko Novoa, director do 'Galicia por Diante', fixo o programa en exteriores.

"Detrás de cada gota hai un oínte, digamos que é a metáfora que podemos buscar hoxe, pero ben, moi felices porque a fin de contas hoxe nos toca a responsabilidade e o compromiso de resumir 40 anos de radio, que é absolutamente imposible, pero facelo dun xeito testimonial e coa audiencia e con compañeiros é moi bonito e ao mesmo tempo moi emotivo", dicía.

Porque canda as voces de agora estiveron as de antes, recoñecidas por todos os ointes. Volveron aos micrófonos os que sacaron adiante a Radio Galega.

Unha delas é Encina Ramos, que empezou na radio e acabou traballando na Televisión de Galicia. "O mellor era que todo estaba por facer,  todo o que faciamos era por primeira vez, a retransmisión da lotaría, dos actos institucionais...", lembra Encina.

Así foron contando parte da historia de Galicia.

"Por exemplo o asasinato dos gardas civís no Banco de España, os atentados do Clangor, o Casón, o Prestige, en fin, que corenta anos dan para moito", di Xosé María Fernández Pazos, un dos primeiros xornalistas en traballar na radio.

Sempre ao servizo da audiencia, que este luns, por primeira vez, foi testemuña directa de como se fai un informativo da Radio Galega.

"A min gustoume moito, pareceume moi interesante", "houbo un momento que se dicía que a radio ía morrer, e eu vexo que está máis viva ca nunca", "encántame o mundo da radio e para min era unha motivación excelente poder ver a radio por dentro, así que estou encantado de participar neste aniversario tan especial", comentaron algúns dos asistentes, que viron a radio desde dentro para celebrar os 40 anos da súa emisora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos