A Radio Galega suma xa 40 anos
O 24 de febreiro de 1985 comezou as súas emisións en probas: chegaba unha emisora para emitir as 24 horas do día en galego
Non naceu en San Marcos. Foi en San Caetano. Alí soou a voz de Nicolás Camino o 24 de febreiro de 1985. A Radio Galega iniciaba as súas emisións en probas. Chegaba unha emisora que conseguía o fito de emitir as 24 horas do día initerrompidamente en galego.
A programación regular comezou o 29 de marzo de 1985. Eran arredor de medio cento de profesionais, segundo nos lembra Yolanda López, que aterrou na emisora aquel primeiro ano e hoxe continúa traballando na delegación da Coruña.
"Paréceme mentira que pasaran 40 anos e eu estivera alí", sorpréndese Yolanda.
Isabel Freire tamén chegou á Radio Galega aquel 1985. Recentemente xubilada, rememora e celebra con nostalxia o ruído que había sempre naquela redacción, entre máquinas de escribir, teléfonos e a máquina da que salía a tira de teletipos que había que cortar.
"Agora as redaccións son moi silenciosas", sinala Isabel.
Ben o sabe Carlos Julio González, que leva uns meses como locutor en prácticas na emisora. Insiste en que os mozos seguen escoitando a radio. Levan a radio sempre no peto, consomen podcasts e moitas veces por ese camiño acaban achegándose á radio tradicional.
"Eu creo que o principal reto é seguir sendo a Radio Galega", resume Carlos Julio.
E van alá xa 40 anos.