O Goberno abre a porta a unha nova prórroga dos presupostos ante a falta de apoios
O Goberno abre a porta a unha nova prórroga dos presupostos ante a falta de apoios
Este xoves no Congreso vótase a senda de déficit
Junts votará en contra se o Goberno non modifica a súa proposta
O PSOE pon o foco no PP para sacar adiante as contas públicas
A tres días de votarse o teito de gasto no Congreso, o Goberno aínda non ten os apoios necesarios. Incluso abre a porta a unha nova prórroga das contas públicas. Segundo Óscar López, ministro para a Transformación Dixital, "o mellor sería que saísen os presupostos pero, se non é posible, é evidente que hai uns presupostos en marcha".
Aínda así continúan as negociacións contra o reloxo e o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, asegura que non dan por perdido "absolutamente nada".
Os socialistas non conseguiron arrancarlle a Carles Puigdemont ningún compromiso na reunión que mantiveron en Suíza. Os deputados de Junts din que volverán votar en contra se se lles presentan as mesmas cifras que en xullo. "Se presentan o mesmo, votamos o mesmo; eles son coherentes e nós tamén", dixo o secretario xeral de Junts, Jordi Turull.
Así as cousas, o PSOE pon o foco no PP. Segundo Esther Peña, "se o PP vota en contra da senda de déficit, é probable que o Goberno perda a votación". A voceira socialista fixo un chamamento aos baróns do PP e pregúntalles se van permitir que as comunidades e os concellos "perdan 12.000 millóns de euros só para que o señor Feijóo pareza un líder de verdade".
Pero os baróns do PP pechan filas co seu líder. Este luns, Alberto Núñez Feijóo reuniu o seu Comité Executivo para avaliar unha lexislatura que considera "ingobernable". "É todo tan demencial que o mesmo Goberno que di que non aprobar os Presupostos non é ningún drama, ameaza os presidentes autonómicos con perdas multimillonarias se non se aproban", asegurou na súa intervención posterior. Considera o popular que o Executivo "cre que goberna a idiotas".
Este luns tamén se pronunciou o expresidente do Goberno José María Aznar, quen considera que "Moncloa é xa unha delegación madrileña do secesionismo" e acusa a Sánchez de gobernar "de costas ao Parlamento".