O Goberno aproba as axudas aos mariscadores afectados polo cesamento temporal na ría do Burgo
O Goberno aproba as axudas aos mariscadores afectados polo cesamento temporal na ría do Burgo
Fixa o mondo total das subvencións nun máximo de 3,6 millóns de euros, a contar desde o 11 de febreiro
Os beneficiarios deberán ser titulares de permisos de explotación para o exercicio do marisqueo, estar dados de alta no réxime especial da Seguridade Social de Mar e ser socios da citada confraría
O Consello de Ministros aprobou este luns a norma que canaliza as axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aos mariscadores afectados polo cesamento temporal de actividade na ría do Burgo, onde desenvolve e financia un proxecto de rexeneración ambiental deste enclave do litoral galego.
O acordo, integrado como disposición adicional dentro da Real Decreto Lei polo que se adoptan medidas urxentes en materia de incendios forestais, fixa o mondo total das subvencións nun máximo de 3,6 millóns de euros, a contar desde o 11 de febreiro -data de inicio das obras- e ata que finalice a dragaxe do estuario ou, no seu caso, ata que se complete a execución material da obra.
O texto establece as condicións para acceder a estas axudas, que se encargará de distribuír a Confraría de Pescadores da Coruña. Entre outros requisitos, os beneficiarios deberán ser titulares de permisos de explotación para o exercicio do marisqueo, estar dados de alta no réxime especial da Seguridade Social de Mar e ser socios da citada confraría, vixente todo iso a data do 11 de febreiro
As subvencións concedidas polo Miteco con carácter excepcional ascenden a 1.658.988 euros, en 2022; 1.869.282, en 2023; e 130.849, en 2024. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que os traballadores se verán "dobremente beneficiados" ao recibir unha compensación económica pola paralización necesaria da actividade mentres duren as obras e posteriormente ao poder dispoñer dunha contorna limpa e rexenerada para exercer a súa actividade.
A intervención no estuario da ría do Burgo conta cun orzamento de 32,2 millóns de euros que se sufragarán con fondos propios e europeos. Este proxecto require suspender a faena de marisqueo, ao resultar incompatible coa dragaxe por razóns, entre outras, de ocupación física do espazo e a alteración do substrato e a calidade das augas.