O Goberno aprobará este venres venres a nova Lei de ciencia
Carlos Espuch, investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur: "A nova lei non vai cambiar nada; a xente que entra non ten onde estabilizarse"
O Consello de Ministros aprobará previsiblemente este venres a nova Lei de Ciencia, que pretende reducir a precariedade da profesión investigadora e atraer novos talentos.
O texto busca dar máis estabilidade ós científicos e científicas ofrecéndolles contratos dignos e unha indemnización no momento en que finalicen o seu contrato de predoutoramento.
Malia os avances, dende o sector aseguran que a nova lei non resolverá o problema de precariedade que padecen. Explicábao no Galicia por Diante da Radio Galega o investigador Carlos Espuch, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
"A nova lei non vai cambiar nada. Esa xente necesita agora que se estás na Universidade saquen prazas de profesores; se estás no CSIC saquen prazas de investigación ou se estás na sanidade crear o posto de investigador biomédico, que non existe. Iso non o aborda a Lei de Ciencia nin o queren abordar".
Espuch denuncia que os investigadores, unha vez entran no sistema, non teñen forma de estabilizárense e, cando regresan a España -despois de botar anos traballando no estranxeiro- non se teñen en conta os seus anos de experiencia a nivel salarial.
Este investigador reclama perspectivas de futuro para a carreira científica e confía en que o texto sexa mellorado na fase de emendas unha vez entre no Congreso.
A xuízo de Carlos Espuch, sería preciso investir máis en ciencia e mellorar os salarios que perciben os investigadores para facer máis atractivas estas carreiras. Se isto non muda, afirma, a medio prazo será complicado atopar persoal de alta cualificación en España.