O Goberno oponse ao plan da Unión Europea contra o arrastre
O Goberno oponse ao plan da Unión Europea contra o arrastre
España presentará no Consello de Ministros de Pesca da Unión do 20 de marzo observacións ás medidas, que considera "manifestamente mellorables"
A secretaria xeral de Pesca do Goberno central, Isabel Artime, afirmou este xoves en Vigo que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación espera un "traballo serio" e cunha "visión estratéxica de maior alcance" respecto ás propostas da Comisión Europea de novas áreas vetadas á pesca de arrastre.
"Cremos que falta un pouco máis de estratexia e máis ambición na definición. Non estamos de acordo na formulación e no enfoque que se está establecendo sobre a actividade do arrastre", dixo Artime.
Partidaria dunha "avaliación" da repercusión desas medidas, Artime destacou a necesidade de estudar "os impactos sociais e económicos" máis aló de "outros impactos de carácter biolóxico", dixo.
"Non nos parece seria a proposta que se está presentando e non a compartimos en absoluto", subliñou a representante do Goberno central.
Artime asegurou que o sector pesqueiro español e europeo está "notablemente avanzado en sustentabilidade ambiental", pero debe ter en conta a cuestión económica e social porque "esas tres patas son o equilibrio que dá lugar a unha sustentabilidade integral do sector e esa é a liña que imos seguir".
A secretaria de Estado afirmou que se a CE "quere facer algo serio debería usar as vías xurídicas existentes agora mesmo nas institucións", o que implica debates, procesos e consensos, porque "non se poden facer as cousas así".
España prevé presentar no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, o próximo 20 de marzo, observacións ás medidas da CE, que considera "manifestamente mellorables".
Pesca estará "moi atenta" ás demandas do sector sobre a eólica mariña
Isabel Artime enviou este xoves en Vigo unha mensaxe de tranquilidade ao sector respecto á afectación que poida ter na súa actividade a eólica mariña.
“Estaremos moi atentos desde o Ministerio para que as necesidades do sector, para que as súas preocupacións, sexan analizadas nunha avaliación profunda dos impactos que poidan ter na actividade pesqueira os proxectos que se presenten e poder facer compatible a activa pesqueira con outras actividades”, dixo Artime.
A aprobación dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) por parte do Consello de Ministros o martes espertaron receos no sector, que se queixa de que non se lles escoita.
Respecto diso Artime dixo que o seu Ministerio mantivo “moitas reunións” tanto co sector como co Ministerio de Transición Ecolóxica e que “se atenderon boa parte desas observacións que desde o ministerio trasladamos”.
En todo caso, manifestou que o coñecido o martes, de momento, non é máis que o deseño dunhas áreas potenciais para o desenvolvemento desa enerxía eólica, pero que iso non significa unha autorización directa para a instalación desas plataformas.
“Teñen que vir solicitudes concretas nas que haberá unha avaliación específica de cada proxecto en particular e, por suposto, estaremos moi atentos desde o Ministerio para que as necesidades do sector", afirmou.
Con todo, o sector xa anunciou mobilizacións.