Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno de Israel aproba o acordo de cesamento do fogo na franxa de Gaza

O Goberno de Israel aproba o acordo de cesamento do fogo na franxa de Gaza

O alto o fogo entrará en vigor este domingo, 19 de xaneiro. Segundo anunciou Qatar, será ás 8:30, hora local

Nunha primeira fase, Israel dará luz verde á entrada de axuda humanitaria e combustible e á rehabilitación de hospitais

Hamas vai liberar 33 reféns xudeus a cambio da excarceración dun número non especificado de presos palestinos

Un home inspecciona os danos nunha tenda destruída en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled
G24.gal 18/01/2025 08:10 Última actualización 18/01/2025 10:31

Tras unha reunión de máis de cinco horas, o Goberno de Israel aprobou este sábado de madrugada o acordo de cesamento do fogo e intercambio de reféns co grupo islamita Hamas, como xeito de terminar a escalada de violencia en Gaza.

"O Goberno (de Israel) aprobou o marco para a devolución dos reféns (...) que entrará en vigor o domingo 19 de xaneiro de 2025", indicou a Oficina do primeiro ministro nun comunicado.

O acordo púxose enriba da mesa o pasado mércores, pero facía falta unha votación do gabinete do primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, para que quedase en firme. A aprobación do Executivo chega despois da bendición do gabinete de seguridade.

De momento non hai unha declaración á prensa tras a votación, pero os medios de comunicación locais aseguran que 24 ministros votaron a favor e oito en contra.

O acordo entra en vigor este domingo 19 de xaneiro. Segundo anunciou Qatar, mediador clave na negociación, será a partir das 8:30, hora local.

"Lembrámoslle á poboación que tome precaucións, exerza a máxima cautela e agarde as instrucións das autoridades", asegurou o voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores qatarí, Majed al Ansari, nunha mensaxe en X.

Agardando comida mentres chega o alto o fogo en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled Agardando comida mentres chega o alto o fogo en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled

Primeira fase

Nunha primeira fase, que durará 42 días, Israel dará luz verde á entrada de axuda humanitaria e combustible a toda a franxa de Gaza e á rehabilitación de hospitais.

Pola súa banda, Hamas liberará un total de 33 reféns xudeus a cambio da excarceración de 735 prisioneiros e detidos palestinos. Durante o desenvolvemento destas accións, as partes concretarán os detalles dunha segunda e terceira fase.

O Ministerio de Xustiza hebreo publicou os nomes das persoas que quedarán libres a partir das 16:00, hora local, do domingo.

Listaxe

Na listaxe atópase Jalida Jarar, unha deputada membro da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, arrestada a finais de decembro na Cisxordania ocupada. Dende entón, permaneceu detida sen cargos.

Tamén aparece Zakaria Zubeidi, un dos líderes das Brigadas dos Mártires de Al Aqsa, o brazo armado de Fatah en Yenín. Foi un dos fuxitivos da prisión de Gilboa no 2021 e estivo involucrado no ataque do 2002 contra a filial do partido de Netanyahu, Likud, no que morreron seis persoas.

Hamas e outras faccións como a Yihad Islámica teñen aínda no seu poder 94 menores secuestrados en Israel durante o ataque múltiple de outubro de 2023. Polo menos 34 deles xa faleceron, segundo o Goberno xudeu, que teme unha cifra real maior.

Dos 94 reféns, 84 son israelís ou teñen dobre nacionalidade, oito son de Tailandia, un de Nepal e outro de Tanzania, segundo a Oficina do primeiro ministro israelí.

Plan de posguerra

O pasado 14 de xaneiro, o secretario dos Estados Unidos, Antony Blinken, anunciou que lle entregará á próxima Administración de Donald Trump un plan de posguerra para Gaza, o que inclúe un goberno unitario con Cisxordania supervisado pola comunidade internacional.

O obxectivo é axudar á Autoridade Nacional Palestina (ANP) a "establecer un goberno interino" na Franxa con responsabilidade sobre o acceso á auga, á enerxía e á saúde, elixido por "consulta" popular.

Segundo detallou Blinken, este executivo acabará entregando o poder a unha ANP "reformada tan pronto como sexa posible".

Tras a toma militar de Rafah, o pasado 7 maio, Israel controla todos os puntos de acceso a Gaza, enclave palestino gobernado de facto por Hamas desde 2007.

En pouco máis de 15 meses de guerra morreron máis de 47.800 persoas e preto do 90 % da poboación viuse obrigada a abandonar os seus fogares.

Netanyahu na reunión do Gabinete de Seguridade israelí Netanyahu na reunión do Gabinete de Seguridade israelí
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade