Publicador de contidos
Publicador de contidos

As protestas comezan a baleirar as gasolineiras en Francia

As protestas comezan a baleirar as gasolineiras en Francia

Continúa a contestación social contra a reforma das pensións de Macron

O presidente comparece mañá para explicar a imposición do decreto

Antón Montero 21/03/2023 11:56 Última actualización 21/03/2023 19:50

Francia comeza a quedar sen combustible. Desde o luns, non sae unha pinga de gasolina das sete refinerías do país. A prensa gala estima que unha de cada dez estacións de servizo están xa desabastecidas.

Nos arredores de Marsella, a porcentaxe sobe ata o 50%, o que levou o Goberno a obrigar algúns folguistas a volver ao posto de traballo durante 48 horas nestes depósitos de Fos-sur-Mer.

A reforma das pensións aprobada por decreto polo Goberno de Elisabeth Borne ten o país en pé de guerra. A prensa gala especula con que Emmanuel Macron podería deixar caer á súa primeira ministra para tentar calmar os ánimos.

Saberase este mércores, cando o presidente compareza por primeira vez desde que salvara pola mínima dúas mocións de censura. O único que calmaría a ira sería que anunciase a retirada da reforma pero é improbable que aconteza, así que hai crise para semanas, augura un analista.

A outra esperanza está na Corte Constitucional, onde a ultradereita de Reagrupamento Nacional xa presentou un recurso.

Entrementres, as protestas continúan. O lixo amoréase nas rúas de París, os bloqueos nos portos comezan a minguar as reservas de gas natural e as folgas dos controladores obrigaron a anular un 20% dos voos nos aeroportos de Marsella e no parisiense de Orly.

A pasada noite, as protestas derivaron en incidentes violentos que remataron con case 300 detidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade