O Goberno lanza o concurso de transición xusta de Meirama
O Goberno lanza o concurso de transición xusta de Meirama
O Ministerio de Transición Ecolóxica ofrecerá 408 megawatts de capacidade de acceso a instalacións situadas nos concellos de Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), por medio do Instituto para a Transición Xusta, publica este xoves no BOE o lanzamento dos concursos de varios nós de transición xusta en Galicia e Asturias.
No caso de Galicia, lánzase o concurso do nó de transición xusta de Meirama 220 kV, vinculado ao peche da central de Cerceda (A Coruña).
O concurso ofrecerá 408 MW de capacidade de acceso a instalacións nos municipios da zona: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia.
O obxecto destes concursos é outorgar dereitos de acceso á rede eléctrica a proxectos de renovables e almacenamento en zonas vinculadas ao peche de centrais térmicas de carbón, informa o Ministerio nun comunicado.
Os concursos de transición xusta súmanse a outros instrumentos de apoio xa despregados para estas zonas, como as axudas a proxectos empresariais xeradores de emprego, a pequenos proxectos de investimento e a proxectos municipais e de infraestruturas.
Así mesmo, a construción da subestación de Maciñeira 400 kV, que se concursará como nó de transición xusta na zona das Pontes, incluíuse nas Modificacións de Aspectos Puntuais da Planificación 2021-2026, informa o Ministerio.