Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno nomeará o ministro Escrivá novo gobernador do Banco de España

O Goberno nomeará o ministro Escrivá novo gobernador do Banco de España

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este mesmo martes o Executivo de que coa súa formación "non conte" para este nomeamento

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 03/09/2024 15:40

O Goberno nomeará o ministro de Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, novo gobernador do Banco de España, en substitución de Pablo Hernández de Cos, segundo adiantou a Cadena Ser e confirmaron fontes consultadas por Europa Press.

A falta de confirmación oficial por parte do Goberno, o nome de Escrivá presentarase este mércores no Congreso dos Deputados como o candidato proposto polo Executivo ao posto de gobernador, pesar ao rexeitamento do PP. O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, pediu comparecer ante a Cámara Baixa para informar do nomeamento.

O nomeamento do novo gobernador do Banco de España non ten que ser aprobado en Consello de Ministros, xa que se produce a proposta do presidente do Goberno, co que unicamente debe ser publicado no Boletín Oficial do Estado, tras aprobarse o cesamento de Escrivá como ministro.

Aínda que se trata dun pacto non escrito, é habitual que a renovación dos cargos do gobernador e subgobernador do Banco de España se pacten entre o PSOE e o PP, de tal maneira que o partido no Goberno nomea o gobernador e o partido da oposición propón o subgobernador.

Con todo, e ante o inminente nomeamento, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este mesmo martes ao Executivo de que coa súa formación "non conte" para este nomeamento, que cualificou como unha "nova invasión do Banco de España".

Desavinzas co Banco de España 

Escrivá, que na pasada lexislatura foi ministro de Seguridade Social, protagonizou algunhas desavinzas co Banco de España e co seu gobernador acerca de estudos que publicou o organismo sobre a sustentabilidade do sistema público de pensións e a necesidade de reformas, nalgúns casos en sentido contrario ás propostas polo Executivo.

José Luis Escrivá ten unha ampla formación e experiencia profesional no ámbito da macroeconomía e as finanzas.

Licenciado en Ciencias Económicas e con posgraos en Análise Económica e Econometría, ademais dos seus postos como ministro, primeiro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións na pasada lexislatura, e agora ao mando do departamento de Transformación Dixital, foi xefe da División de Política Monetaria do Banco Central Europeo e asesor do Instituto Monetario Europeo.

No Banco de España, ocupou a Subdirección do Departamento de Estudos Monetarios e Financeiros e foi xefe da Unidade de Investigación Monetaria.

Ademais, foi presidente da Rede de Institucións Fiscais Independentes da Unión Europea e presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, ademais de economista-xefe e director do Servizo de Estudos do BBVA.

En maio Escrivá rexeitou o cargo

O pasado mes de maio, xa soou o nome de Escrivá como posible substitución de Hernández de Cos e o propio ministro asegurou naquela ocasión que ser gobernador do Banco de España non era un posto no que estivese "a pensar", nin algo que tivese "na cabeza" ou fose "relevante".

"Que me veñan con esta historia, sinceramente, non", asegurou aos xornalistas nun evento sobre dixitalización das pemes celebrado en Madrid en maio deste ano.

Tras o nomeamento do Goberno, Escrivá converterase no primeiro ministro no exercicio das súas funcións que pasa directamente a ocupar o cargo de gobernador. Só existe un precedente parecido, cando Miguel Ángel Fernández Ordóñez, baixo o mandato de José Luis Rodríguez Zapatero, pasou da Secretaría de Estado de Facenda ao Banco de España como o seu máximo dirixente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade