O Goberno prorroga as bonificacións ao transporte e sobe as pensións
O Goberno prorroga as bonificacións ao transporte e sobe as pensións
O derradeiro Consello de Ministros do ano centrouse nas medidas económicas para amortecer o impacto da guerra
O derradeiro Consello de Ministros do ano prorrogou boa parte das axudas aprobadas no seu día para amortecer o impacto da guerra de Ucraína. Unha delas é a do transporte público.
Os abonos para viaxar en trens de Proximidades, Rodalíes ou Media Distancia seguirán sendo gratuítos despois do 1 de xaneiro, igual que os billetes de autobús das liñas estatais. Tamén se mantén a subvención pública para que os buses urbanos e metropolitanos custen a metade.
"Aprobamos estender durante 6 meses máis, ata xuño de 2025, e logo vai ser seguida dun amplo paquete de descontos e axudas para viaxeiros", explicou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Outra prórroga, esta para todo o ano que vén, é a da prohibición de desafiuzar familias vulnerables.
Tamén seguirán durante 2025 as axudas para a compra do vehículo eléctrico ou para instalar puntos de recarga.
Pese a que foi derrogado hai poucos días, o Goberno aprobou un real decreto para tentar manter o imposto ás empresas enerxéticas, a pesar de que non ten votos para validalo no Congreso.
"Saímos a gañar, con humildade, pero saímos a gañar e non damos un balón por perdido". "Con este real decreto o que estamos facendo é cumprir cos nosos compromisos, este é un Goberno que cumpre os seus compromisos, engadiu o presidente Sánchez.
O Consello de Ministros amplía as bonificacións por circular pola AP-9. Pasan do 20 ao 50 % os descontos para os vehículos pesados en todas as viaxes e para os lixeiros que fagan 20 traxectos ao mes.
Tamén se asinaron as subas das pensións para 2025: serán do 2,8 % para as contributivas, do 6 % para as mínimas e do 9 % para as non contributivas, o mesmo que se incrementa o ingreso mínimo vital.
O que decae o un de xaneiro é a rebaixa do IVE aos alimentos básicos: no pan, a froita e as verduras pasa do 2 ao 4 %, onde tamén se manterá o do aceite de oliva.