A economía: a protagonista, por Maite Cancelo
OPINIÓN
A economía: a protagonista, por Maite Cancelo
No último Consello de Ministros do ano aprobáronse as últimas medidas que se aplicarán no ano entrante, case todas esperadas, aínda que algunhas con cambios de última hora:
-As pensións contributivas crecerán un 2,8 %, uns 600 euros anuais para as de contía media. Supón aplicar a inflación entre decembro de 2023 e novembro deste ano e tamén se aplicará ás clases pasivas (funcionarios do Estado). As non contributivas aumentarán un 9 %, do mesmo xeito que o ingreso mínimo vital.
-Outra medida esperada é a prórroga da bonificación ao transporte público, seis meses máis.
-Por outra banda, decae a rebaixa do IVE aos alimentos básicos que volverán ao tipo superreducido, 4 %. O aceite de oliva, con todo, pasa ao 4 % en lugar do 10 % que se lle estaba aplicando. Outros produtos, como a pasta e aceites de semente, pasan do 7,5 % ao 10 %.
-Tamén se mantén o escudo “antiopas”, a blindaxe ás empresas consideradas estratéxicas e que caducaba este ano. Lembrar que esta medida aprobouse por mor da pandemia, de forma transitoria, e só se aplicou na súa totalidade para vetar a compra do fabricante de trens español Talgo por parte dun consorcio húngaro, Ganz-MaVag. En calquera caso, si se aplicou para impoñer restricións a outras compras de empresas nacionais. Esta norma implica impoñer límites ao investimento estranxeiro en España.
-Unha das polémicas deste ano que acaba foi a conversión en imposto do gravame ás grandes enerxéticas, que se aprobou hai dous anos con carácter temporal. Lembremos que foi levado ao Congreso a semana pasada e rexeitado pola maioría parlamentaria, ao posicionarse Junts e PNV co PP. Neste último Consello o Goberno aprobou a súa prorroga como gravame e ten que validarse no Congreso nos próximos 6 meses. Para lograr o apoio dos partidos nacionalistas, introdúcese un incentivo fiscal para que os investimentos estratéxicos para a transición ecolóxica e a descarbonización se poidan deducir do imposto. Á espera de ver a letra pequena, as empresas xa anticiparan que esta medida podería non ser suficiente e, en calquera caso, falamos de dobre imposición xa que os seus beneficios xa están gravados polo imposto sobre sociedades.
-O que parece que si se pospón é o imposto ao diésel, o que supón unha boa noticia para a maioría dos españois, dado o parque de vehículos que temos no noso país, onde é o combustible predominante e que afecta a un terzo da flota de transportistas, a maioría autónomos.
Problemas coas medidas aprobadas
-Forte incremento do gasto público, sobre todo polo incremento de pensións non contributivas, o ingreso mínimo vital ou as bonificacións ao transporte público, esta última, ademais, non é unha medida progresista, ao ser universal e non incorporar indicadores de renda para a súa concesión.
-Ao non actualizarse os tramos do IRPF, algún pensionista pode levar a sorpresa de que ten que pasar a facer declaración da renda e que o resultado sexa positivo, ou sexa, que teña que pagar a través deste imposto, co que a subida non é a anunciada.
-Estas medidas, xunto con algunhas das aprobadas polo Congreso dos Deputados a semana pasada supoñen unha perda de competitividade de dous sectores clave da nosa economía, o enerxético e o bancario, ao verse sometido a gravames e/ou impostos que os nosos competidores europeos non soportan.