Mercados ateigados e con prezos elevados nas últimas horas antes de Noiteboa
Mercados ateigados e con prezos elevados nas últimas horas antes de Noiteboa
Nas prazas de abasto o camarón alcanzou os 150 euros o quilo; os percebes, os 130, e as cigalas, 120
A carne e os embutidos son os produtos que menos soben, un seis por cento
A poucas horas para a cea de Noiteboa, abarrotamento de xente nos mercados, cos que preferiron ir ao máis fresco e deixaron as compras para cea desta noite para o último momento. Foi unha mañá de moito movemento. Nas cestas vimos sobre todo peixe e marisco.
Hoxe, canda fin de ano, é un dos días que máis marisco se ve nas prazas. E dos que máis se vende.
"É un ano moi bo, está sendo un ano moi bo, moi contento".
"Non está tan caro".
"O que máis encareceu foi a ameixa, a centola e a cigala. Do peixe, a pescada".
Na praza de Lugo da Coruña, os máis demandados: o camarón, que alcanzou os 150 euros o quilo; os percebes, a 130, e as cigalas, a 120.
"Vivo fóra e o meu capricho ao ano son os percebes".
"Percebe, centola, camarón e cigala. Caro, si. Pero son as datas".
"Estou comprando percebe e camarón. Unha vez ao ano non fai dano, e hai que apoiar os mariscadores, que pasan moito traballo".
A gran pregunta de todos os anos: adiantar compras ou esperar a hoxe e collelo fresco?
"Será un 70 % que compran no día; o resto, para conxelar".
"Sempre hai xente que prefire esperar ao último minuto e levalo no día".
"Dános igual. Non é tanta diferenza. O percebe estaba a 200, hoxe está a 150, está moi ben".
Sexa como for, e aínda que a OCU diga que vai ser un dos nadais máis caros dos últimos nove anos, ninguén quere renunciar a cear hoxe ou xantar mañá con estes manxares do mar.
Carnes e embutidos
Unha táboa de embutido nunca defrauda, por iso é un dos entrantes que máis se repite.
"Ibéricos, patés, queixos, é o que máis se vende con diferencia", conta Rubén Sánchez, dono dunha chacinería na praza de abastos de Lugo.
Pode levarse da chacinería directa á mesa. "Montamos nós as bandexas, entón é chegar abrila e comer", explica Rubén. E son dos produtos que menos subiron o seu prezo.
Para os que se decantan pola carne, o produto estrela segue a ser...
"Sen dúbida o cordeiro é produto estrela", asegura o carniceiro Rafael Díaz.
O cordeiro é o máis demandado ainda q este ano o seu prezo disparouse. Este Nadal pagamos entre 6 e 7 euros máis polo quilo de cordeiro. A mellor prezo está a tenreira ou o polo caseiro que tamén triunfan na noiteboa.
"Nós sempre tomamos cordeiro", di un cliente, e outra engade "nós polo e a poder ser caseiro";
Receitas tradicionais que compiten con outras como os recheos.
"A pularda rechea, roti de polo e de pavo, tenreira rechea, solomillo de porco", explica Carmen Gómez, carniceira na praza de abastos de Lugo.
Pagamos máis por estes produtos, no caso da carne ata un 6 por cento, pero non renunciamos a eles, e menos en Nadal.