O prezo da carne de tenreira dispárase nos últimos meses, chegando aos tres euros
Detrás desta suba hai distintos factores, como o aumento do custe de produción ou o peche de explotacións
Tamén inflúe a alta demanda dende outros puntos de España e Marrocos
Nótase nas carnicerías e no súper, o prezo da tenreira disparouse nos últimos meses. Rubén Castro, propietario da carnicería Hermanos Castro en Pontevedra, explica que "dende hai uns seis meses subiu uns tres euros o quilo".
O seu irmán e socio, Martín Castro, detalla que a carne "levaba moitos anos estancada".
"Hai máis de 20 anos xa estaban as costeletas a 10 euros o quilo, agora que estean a 14 ou 15 non é raro co que cambiou a vida en 20 anos", di Martín Castro.
Detrás desta suba, diversos factores. Dende os custos de produción, ao peche de explotacións ou a venda cara a outros puntos de España.
Os irmáns Castro engaden que "se está explotando moito a carne para fóra tanto para Madrid como para Valladolid, Asturias e Marrocos, veñen por tenreira galega e soben os prezos.
"Os produtores teñen máis gasto e non dan os números. Son xente xubilada ou a punto de xubilarse e as novas xeracións non queren seguir con iso, e pechan", explica Martín Castro.
Con todo, a calidade da tenreira galega segue atraendo os compradores. Os expertos confían en que os prezos se estabilicen nos próximos meses.