O Goberno quere pactar o plan de resposta á guerra pero a oposición esixe medidas xa
O Goberno quere pactar o plan de resposta á guerra pero a oposición esixe medidas xa
A oposición reclama xa as rebaixas fiscais, e Unidas Podemos di que non apoiará o incremento do gasto en defensa
O presidente do Goberno manterá citas con Scholtz e outros sete líderes da UE
Bruxelas presentará en maio unha proposta do mercado da enerxía que prime as renovables
As tres vicepresidentas do Goberno, Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera, e o ministro da Presidencia Félix Bolaños van manter este mércores unha reunión co grupo parlamentario popular para tratar o plan de resposta ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína.
Avanzouno a ministra portavoz do Goberno Isabel Rodríguez, que enmarcou esta primeira reunión dentro da axenda de encontros que está previsto concertar con todos os grupos con representación parlamentaria, comunidades autónomas e outros axentes sociais e económicos.
O obxectivo destes contactos será "chegar a un acordo importante de resposta ás consecuencias económicas da guerra" para "protexer os colectivos máis vulnerables" e facer "unha repartición equitativa dos custos que esta situación está a causar", resaltou Rodríguez.
A idea do Executivo é concluír estes traballos preparatorios, tanto en España como no ámbito europeo, para o próximo 29 de marzo, cando espera presentar medidas que permitan amortecer o impacto do conflito.
Ademais desa rolda de contactos cos grupos parlamentarios, o Goberno reunirase nunha conferencia sectorial coas comunidades autónomas o vindeiro luns 21 de marzo "para ir ao detalle das propostas", coa participación de todos os ministerios económicos.
Rebaixa fiscal que a oposición esixe xa
A ministra portavoz non quixo detallar as posibles rebaixas de impostos que incluirá o plan para frear o impacto da guerra, pero deixou claro que o Goberno xa leva meses facendo un esforzo no ámbito fiscal para contrarrestar o encarecemento da factura da luz.
A oposición reclama que as medidas se apliquen xa, que a economía española non pode esperar. "Que aplique xa a rebaixa de impostos e que despois consiga os consensos", aseguraba Edmundo Bal, de Ciudadanos.
"Canto tempo máis lle vamos pedir que aguanten sen baixar os impostos que deben baixar hoxe mesmo?", preguntaba Alberto Núñez Feijóo, quen reclama unha rebaixa dos impostos dos carburantes, sabendo que repercutirá nas arcas autonómicas.
"O 50 por cento deses impostos correspóndenlles ás Comunidades Autónomas e como comunidades autónomas esixímoslle que se rebaixen os impostos aos cidadáns", dicía o presidente da Xunta.
Tamén meten presión os sindicatos. Sairán á rúa o 23 de marzo para reclamar medidas que freen os prezos da enerxía.
En canto aos socios parlamentarios do Goberno, a rebaixa impositiva non é suficiente, ou cando menos non é a solución. "Deben ser os ricos, as grandes fortunas, as eléctricas e os bancos os que soporten os efectos desta crise con impostos especiais", afirmaba Mertxe Aizpurua, de EH Bildu.
No Goberno inciden en que hai que esperar ás decisións que se tomen no próximo Consello Europeo respecto ao prezo da enerxía.
Neste sentido, o presidente do Goberno Pedro Sánchez quere convencer os seus socios comunitarios da urxencia e a necesidade de tomar medidas. Este mércores inicia a xira europea que anunciou a semana pasada e que o vai levar a reunirse con outros oito líderes europeos, entre eles o chanceler alemán Olaf Scholz.
Xira europea de Pedro Sánchez
O primeiro destino desa xira, segundo informou Isabel Rodríguez será a capital eslovaca, Bratislava, este mércores, 16 de marzo. Previamente, pola mañá, reunirase no Palacio da Moncloa co seu homólogo croata e ao día seguinte trasladarase á capital romanesa, Bucarest.
A súa terceira parada será Roma, onde estará o venres 18 nun cumio a catro xunto aos primeiros ministros de Italia, Grecia e Portugal.
Tamén se desprazará a Berlín para reunirse con Scholz e a Dublín, aínda que a portavoz do Goberno non precisou as datas concretas porque explicou que se están ultimando.
O xefe do Executivo anunciou que realizaría esta xira na súa comparecencia ante os xornalistas tras o cumio informal da UE en Versalles (Francia) que concluíu o pasado venres e que tivo como un dos seus principais elementos de debate a necesidade de adoptar medidas que reduzan a dependencia enerxética europea de Rusia.
Considera clave para iso o Consello Europeo que se celebrará en Bruxelas o 24 e 25 de marzo.
Unidas Podemos, en contra do incremento do gasto en Defensa
Na súa última entrevista, o presidente do Goberno anunciou que vai aumentar o gasto en Defensa e "nun horizonte nos próximos anos para poder cumprir con ese mandato da OTAN do 2 % do PIB".
O anuncio abriu unha nova fenda dentro da coalición de Goberno, porque Unidas Podemos non apoia esa suba en Defensa. A súa deputada Aina Vidal asegurou que o seu grupo no Congreso "non vai apoiar un incremento do gasto militar, punto".