Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Celta C Gran Peña xogará a final polo ascenso

O Celta C Gran Peña xogará a final polo ascenso

Os celestes impóñense á Sarriana por 4-1 en Barreiro

G24.gal 26/05/2024 12:13 Última actualización 26/05/2024 14:23

A primeira eliminatoria de volta para o ascenso á segunda Federación comezou dunha maneira moi distinta ao que foi todo o partido anterior. Gran Peña e Sarriana xogaban todo e comezaron apertando dende o primeiro minuto. Primeiro eran os lucenses, que aproveitaban unha chegada pola esquerda de Diego Rey que acabou nun córner rematado alto, pero que xa avisaba. O Gran Peña esperaba un pouco máis tapado e buscaba as súas levando o balón polas bandas. No minuto 8, cando moita xente aínda estaba a sentar, unha falta dende o lado dereito da portería de Javi Liz coábase polo lado da barreira e poñía o un a cero inicial, condicionando os seguintes oitenta minutos de fútbol. Dende ese punto, o Gran Peña esperaría nun bloque máis atrasado e buscaría xerar perigo con transicións rápidas aproveitando a liña adiantada da Sarriana. Así tivo unha moi clara Óscar Gil tras unha parede que se puxo diante de Javi Liz pero que non puido rematar ao acabar no chan reclamando penalti, o árbitro non o considerou así. Ía aló media hora de partido e a Sarriana non atopaba como facer dano á defensa local, moi sólida ata o momento e unicamente sorprendida por un par de arrinques de Diego Rey.  Os visitantes terían a súa nun córner dende o lado dereito que pasaba a escasos metros da liña de meta celeste pero que non atopou quen a empurrara, xa no minuto 33. Poucos minutos máis tarde tería outra moi clara o Celta C Gran Peña, tras un moi bo cambio de orientación que recollería Álex Millán para canear ao defensor e meter o interior do pé enviando o esférico a escasos centímetros do pau esquerdo da portería da Sarriana. Nada cambiaría ata o descanso.

Á volta do tempo de lecer volvería a aparecer Óscar Gil para rabuñar un rebote tras unha moi boa xogada dun Álex Millán practicamente imparable e poñer o segundo condicionando o resto do partido. O encontro tivo que parar uns intres para que atenderan a Javi Liz, que recibiu un balonazo na faciana na xogada do gol. Todo parecía inclinarse cada vez máis cara o lado celeste, que seguía atopando claridade ofensiva en balóns en longo e xogadas por banda do destacado Álex Millán. Foi pasado o minuto 60 cando o arxentino Susavila arrincou dende o seu propio campo e rematou cun tiro cruzado ao que non puido chegar Álex Villar. Quedaba aínda moito partido e a Sarriana volveu a crer nas súas posibilidades. O Gran Peña tivo a súa nunha falta botada dende o lado esquerdo que tras varias rebotes saía despexada da área celeste. Na seguinte, case marca Cuadrado unha tesoira que tería sido o gol da xornada e a Sarriana comezaba a engaiolar ao Celta C Gran Peña na súa área. Tiján tivo unha moi clara despois de que Diego Rey puxera un saque de banda na frontal mais a volea coa perna esquerda marchou bicando o pau da meta celeste. Pouco despois, o Gran Peña saíu con perigo nunha contra ben levada polo lado dereito pero Iván Liz fíxose grande para evitar o gol. 

Nos últimos dez minutos a  Sarriana xa estaba botada completamente arriba e o Celta intentaba aproveitar os espazos ás costas para pechar o encontro. Así é que os locais conseguirían pechar a eliminatoria. Primeiro foi nun arrinque de Lorenzo que definiu cruzado tras varios rebotes e, poucos minutos despois, Álex González resolvía un man a man á saída dun córner. 
O Celta C Gran Peña estará na final tras impoñerse por 4-1 á Sarriana. Esta tarde coñecerá ao seu rival despois do duelo entre Arosa S.C. e U.D. Ourense ás 21:00, que tamén se poderá gozar pola G2 e en Agalega.gal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos