O Harmatán, o Festival Nómade de Cultura Africana, deixa a súa pegada en Ourense
O Harmatán, o Festival Nómade de Cultura Africana, deixa a súa pegada en Ourense
O festival está dedicado ás mulleres africanas pola súa loita perseverante para reivindicar o seu espazo na escena cultural
Ourense acolle estes días o Festival Nómade de Cultura Africana. Trae teatro e danza, pasando tamén pola música ou o cine. Este festival Harmatán é unha porta aberta á cultura africana, e o traballo das súas mulleres creadoras. O debate e o cinema pechan hoxe a edición deste ano.
Din que a das mulleres africanas é unha loita perseverante por levantar a voz e reivindicar o seu espazo na escena cultural. Por iso o festival este ano dedícase a elas.
"É magnífico porque é unha maneira de amosar o que fan as mulleres, que sempre están creando pero que precisan ter máis visibilidade. Este festival permite que a xente coñeza o que fan as mulleres creadoras. É necesario que a xente escoite o que as mulleres teñen que dicir, que acheguen a súa visión, que acheguen luz e beleza a sociedade", explica a actriz e directora de teatro Odile Sankara.
Odile Sankara, de Burkina Faso, dirixe un dos festivais de teatro máis importantes de África occidental, e hoxe canda ela na xornada de debate está a cantante e actriz Astrid Jones. Ela naceu en España, seus pais en Guinea Ecuatorial. E falaba así do importante de aprender a ver África con outros ollos.
"A min paréceme moi necesario porque necesitamos achegarnos máis a todo aquilo co que non temos experiencia diaria e sobre todo dende unha perspectiva realista, neste caso artisticamente falando, cal é a manifestación artística que está a suceder en distintos países africanos".
Estes días grazas ao Festival Nómade de Cultura Africana todo semella máis preto: dende o teatro ou a danza chegadas de Camerún ou Costa do Marfil, ata a forza da música senegalesa, ou a historia de amor entre dous estudantes árabes que hoxe pechaba o encontro. Unha ollada a África dende África, para aprender a mirar con outros ollos.