OPINIÓN
O imposto sobre a renda, a inflación e as súas derivadas, por Maite Cancelo
Unha das últimas discrepancias entre os distintos ministerios do Goberno de España está en se os traballadores que cobran o Salario Mínimo Interprofesional pagarán ou non o IRPF unha vez que se aprobe o incremento previsto de 50 euros mensuais, que pode facer que estes contribuíntes salten de tramo no IRPF e teñan que pagar polo mesmo. A Ministra de Facenda resalta a importancia sobre a base de que os cidadáns contribúan cos seus impostos, o que indica que non está disposta a elevar o mínimo exento como reclama a súa colega da carteira de Traballo.
Pero, o problema non se atopa en deixar exentas estas rendas do pago do imposto, senón de indexar todos os tramos do IRPF en función do aumento experimentado polos prezos e, polo tanto, dos salarios ou pensións referenciados ao IPC ou, ao final, pensionistas e traballadores atoparanse con que o comido vai polo servido e a caixa será para facenda.
Creo que todos somos conscientes de que os impostos que pagamos financian os servizos públicos do estado, e das comunidades autónomas, sanidade, educación, infraestruturas e investimentos, entre outros, pero os impostos deben ser acordes coa realidade económica dos cidadáns e en momentos de inflación e subidas salariais ou doutras prestacións, débense revisar as bases impoñibles, xa que están establecidas en termos nominais e os incrementos nas rendas provocados polos aumentos dos prezos, sen que varíe a capacidade económica real do contribuínte, provocan un aumento da carga tributaria soportada.
De feito, a medida de reducións do IVE a algúns alimentos básicos ou á electricidade tivo escaso impacto sobre a recadación do Estado, xa que a base impoñible se elevou, como xa sabemos, de forma moi importante nestes últimos anos. De feito, para o 2024 está estimado que a inflación prevista provocará un aumento dos ingresos do Estado de 23.000 millóns adicionais por impostos.
Pois o mesmo ocorre co IRPF. Un informe da AIREF cuantifica nuns 8.000 millóns extras de recadación, só por este imposto, se non se actualizan os tramos, pero todos eles, e a ganancia será para o Estado, que pode dedicar eses sobreingresos a mellorar as nosas condicións de vida (ou non) e, en calquera caso, supón unha perda do noso poder adquisitivo, que segue minguado polas subidas dos prezos, pero tamén polo aumento do pago en impostos que teremos que afrontar ante a non revisión dos tramos do IRPF ou a supresión das reducións do IVE neste ano.
Os datos indican que a presión fiscal en España aumentou nos últimos anos situándose en máximos históricos, superando a recadación por tributos o 42 % do PIB no ano 2022, segundo un estudo do Instituto de Estudos Económicos. Así, situámonos non só por encima da media europea (do 41,7 %) senón no número 24 dos 38 países analizados. E ese aumento non se basea nun aumento da loita contra a fraude fiscal, senón por esa continua subida de impostos no noso país, que está a alcanzar récords de recadación e, por tanto, de presión fiscal.
Os ingresos tributarios en España foron récord no ano 2022 e 2023, moi superiores ao crecemento da nosa economía, polo que a recadación tributaria superou os rexistros históricos. IVE, IRPF, pero tamén os soportados polas empresas, xa que achegan aos ingresos públicos o 32,5 % da total fronte ao 23,9 % da zona Euro.