Publicador de contidos
Publicador de contidos

O incendio da Palma avanza tras queimar 2.000 hectáreas e unha ducia de vivendas

O incendio da Palma avanza tras queimar 2.000 hectáreas e unha ducia de vivendas

O lume, que segue avanzando, obrigou a desaloxar centos de persoas

Na extinción participan dez medios aéreos e 300 efectivos en terra

O fume do incendio en Roque de los Muchachos. EFE/Miguel Calero
G24.gal 15/07/2023 12:33 Última actualización 16/07/2023 09:09

O lume que afecta o noroeste da Palma, declarado de madrugada na zona do Piñeiral, en Puntagorda, queimou xa 2.000 hectáreas e afectou unha ducia de vivendas. Dez medios aéreos e 300 efectivos en terra tentan conter o avance das lapas.

Pola mañá foron evacuadas unhas 500 persoas, pero despois do mediodía tiveron que desaloxar a poboación de Tijarafe, informou o Centro Coordinador de Emerxencias.

Para as persoas desaloxadas habilitouse o pavillón municipal Severo Rodríguez de Los Llanos de Aridane, onde se atopan polo momento unhas 25 persoas atendidas pola Cruz Vermella.

Por primeira vez, utilizouse nas Canarias o sistema ES-Alerta de aviso á poboación, o que se denomina como 1-1-2 inverso, enviando unha mensaxe a todas os terminais móbiles que se atopan na zona para evacuar.

O 112 define o incendio como "de interface e forestal que evolucionou a interface", é dicir, que coinciden zonas forestais con asentamentos humanos, e afecta a cultivos, matogueira e piñeiros, cunha superficie queimada de máis de 2.000 hectáreas.

Nivel 2

Ademais, hai polo menos unha ducia de vivendas afectadas. A residencia de maiores de Puntagorda atópase confinada, á espera da evolución de incendio, en nivel 2 de gravidade, o que supón que a dirección está ao cargo do Goberno das Canarias.

O Cabido da Palma pechou a rede insular de carreiros, así como o acceso e tránsito ás pistas forestais situadas en zonas de alto risco de incendios e en montes de utilidade pública, que quedan reservadas para os servizos de vixilancia, prevención e extinción de incendios.

Suspendéronse os actos festivos, lúdicos, deportivos ou de natureza análoga previstos en toda a illa organizados por calquera administración, así como o uso do lume en calquera actividade agraria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade