O inverno en Galicia será "máis cálido e menos húmido" do normal
A Axencia Estatal de Meteoroloxía matiza que, aínda que se prevén menos chuvia, "non quere dicir que vaia haber seca"
O director da AEMET, Francisco Infante, augura unha Noiteboa e un Nadal "con boas temperaturas e sen vento"
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé en Galicia un inverno "máis cálido e menos húmido" do habitual.
Explicouno este martes o delegado de Aemet en Galicia, Francisco Infante, que avisou de que isto "non quere dicir que vaia a haber seca".
Xaneiro, febreiro e marzo en Galicia será "máis cálido do normal", en canto a temperaturas, "e menos húmido" se se teñen en conta as precipitacións previstas.
Deixamos atrás o novembro máis cálido de toda a serie histórica e un 2024 "extremadamente cálido"
Infante afirma que o outono "foi húmido e moi cálido" con "1,3 graos máis se se compara cun outono habitual". Foi "o sexto outono máis cálido da serie histórica", desde 1961, aínda que "moi lonxe do de 2023".
O delegado de Aemet en Galicia indicou que "setembro foi moi frío, outubro moi cálido e novembro extremadamente cálido". Novembro foi "o máis cálido da serie histórica en Galicia" e en canto ás precipitacións, "choveu un 20 % máis do normal no trimestre".
No que vai de decembro, explicou Francisco Infante, o mes foi "máis cálido do normal", aínda que si se rexistraron "algúns días de frío". "Tamén está a resultar seco, pois choveu un 20 % menos", engadiu.
Previsión para os días de Nadal
Sobre os próximos días, ha avanzando que mañá entra "unha fronte máis activa" e que "a partir do venres irase afianzando o anticiclón", polo que se espera unha Noiteboa e Nadal "con boas temperaturas e sen vento", aínda que en zonas de interior pode haber "néboa e xeadas débiles".
Aínda que quedan uns días para que finalice decembro, Infante indicou que este foi "un ano moi húmido" e avanza que Galicia rematará un 2024 "extremadamente cálido", sendo "o segundo máis cálido da serie histórica, igualado con 2022, e por detrás de 2023".