Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPC modérase ata o 6,8 % pola baixada da electricidade e a gasolina

O IPC modérase ata o 6,8 % pola baixada da electricidade e a gasolina

Tamén se confirma a taxa de variación anual da inflación subxacente, que se situou no 6,3 %, unha décima máis ca a rexistrada en outubro

Os prezos dos alimentos, pola súa banda, creceron en novembro un 15,3 %

Os prezos compórtanse peor en Galicia, onde o IPC en novembro se sitúa no 7,5 %

G24.gal 14/12/2022 08:53 Última actualización 14/12/2022 10:30

A inflación en España moderouse no mes de novembro ao 6,8 %, a mesma taxa que adiantou o Instituto Nacional de Estatística o pasado 29 de novembro, cinco décimas por baixo da rexistrada o mes anterior, debido ao abaratamento da electricidade e dos carburantes.

Os grupos que máis apertaron á baixa foron a vivenda, no que se inclúe a enerxía, que diminuíu a súa variación máis dun punto e medio, ata o 1 %, e o transporte, que situou a súa taxa no 7,7 %, máis dun punto inferior á do mes pasado, debido ao abaratamento dos carburantes e lubricantes, que se encareceron no mesmo mes de 2021.

Tamén se confirma a taxa de variación anual da inflación subxacente (índice sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que se situou no 6,3 %, unha décima máis que a rexistrada en outubro e tan só cinco décimas menos que a do IPC xeral.

Os prezos dos alimentos, pola súa banda, creceron en novembro un 15,3 % en taxa interanual, unha décima menos que en outubro. Dentro dos alimentos, os que máis subiron de prezo no último ano son o azucre (+50,2%); os aceites e graxas (+31,5%); o leite (+30,9%); os ovos (+27,1%); os cereais (+22,9%); os produtos lácteos (+21,7%) e as patacas (+21,5%)

Dende o Goberno, María Jesús Montero defendeu que os datos do IPC constatan a efectividade das políticas económicas que se están a levar a cabo e subliñou que a inflación en España se sitúa nos niveis máis baixos da Unión Europea.

A inflación en Galicia, sete décimas por enriba da media española

A inflación tamén se modera en Galicia en novembro, aínda que a menor ritmo que a media española. Situouse o mes pasado nun 7,5 % no seu indicador anual, o que supón tres décimas menos que o mes anterior, pero sete décimas por enriba dos 6,8 % que marca a media española.

Tan só as dúas Castelas e Navarra teñen nestes momentos un IPC máis alto ca o galego.

Os grupos que máis encareceron os seus prezos en Galicia no mes de novembro foron o de vestido e calzado, cun incremento do 3,9 %; seguido dos alimentos e as bebidas non alcohólicas, cunha alza de 0,9 % e do enxoval, cuxos prezos tamén subiron case un punto (0,9 %).

En cambio cae, de novo, o grupo vivenda, no que está incluído a electricidade, cuxo descenso en novembro é de 3,9 % en Galicia respecto ao mes anterior.

Comparando os prezos co mesmo mes de 2021, observarse un aumento dos prezos considerable principalmente no grupo alimentos e bebidas non alcohólicas, onde a suba chega ata o 15 %, case o dobre que o índice xeral na comunidade.

Tamén hai aumentos importantes respecto a hai un ano, por exemplo, no transporte, onde o custo incrementou un 9,1 %.

O grupo vivenda, no que está incluída a electricidade, é o que modera esas grandes subas, cun aumento nos últimos doce meses dun 2,7 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos