Starmer, primeiro ministro británico: "Traballaremos para unir o noso país"
Starmer, primeiro ministro británico: "Traballaremos para unir o noso país"
O rei Carlos III realizoulle o encargo de formar goberno tras a súa contundente vitoria nas eleccións
Sunak deixará de liderar os conservadores: "Síntoo por non cumprir co que merecían"
Starmer sitúa ao seu equipo máis próximo á fronte dos principais ministerios
O líder laborista Keir Starmer prometeu que o seu Goberno traerá "cambio" e "reconstruirá" o país tras converterse este venres no novo primeiro ministro do Reino Unido.
Logo de recibir o encargo do rei Carlos III de formar goberno, Starmer dirixiuse a continuación ata a sede do Goberno en Downing Street, onde deu o seu primeiro discurso á nación como xefe de Goberno e dixo que o Reino Unido votou "de maneira decisiva polo cambio" e por "devolver a política ao servizo público".
O seu foi un discurso de chamamento á unidade. "Traballaremos para unir o noso país", afirmou comprometéndose a gobernar para todos: "O meu Goberno vai loitar para que volvades crer".
Starmer tamén se referiu ao seu predecesor, o derrotado Rishi Sunak, de quen destacou que fora o primeiro cidadán asiático en ser primeiro ministro. "Recoñecemos o duro traballo do seu liderado”, afirmou Starmer.
O novo primeiro ministro insistiu en que o cambio supón regresar ás políticas públicas no Reino Unido. “O país votou por que a política volva ao servizo público", dixo.
O líder do laborismo indicou así mesmo: "Cando a distancia que hai entre o sacrifico feito polos cidadáns e o servizo que reciben dos políticos se fai así de grande, leva ao cansazo do corazón dunha nación, a que se desgaste a esperanza, o ánimo, crer nun futuro mellor".
"Pero debemos avanzar xuntos. Agora, esta ferida, esta falta de confianza, só pode sandarse con accións e non con palabras, iso seino", afirmou.
Starmer sinalou que poden comezar hoxe co simple recoñecemento de que o servizo público é un privilexio e que o Goberno debería tratar a cada persoa do país con respecto.
"O traballo do cambio comeza de inmediato, pero non teñan dúbidas, reconstruiremos o Reino Unido", concluíu o novo dirixente do país.
Antes do seu discurso, Starmer acudira ao Palacio de Buckingham a reunirse nunha audiencia co rei de Inglaterra Carlos III, un trámite constitucional de rigor tras unhas eleccións xerais, no que o soberano encarga ao vencedor nas urnas que forme o novo Goberno, co que neste caso se pon fin a 14 anos de executivos conservadores consecutivos.
Starmer impúxose nos comicios xerais celebrados este xoves aos conservadores de Rishi Sunak de maneira irresistible, cunha histórica maioría absoluta de 412 escanos, cando apenas quedan dúas circunscricións por contabilizarse, que se coñecerán mañá.