O Liceo elimina o Reus (5-3) e loitará pola Supercopa co Barça
O Liceo elimina o Reus (5-3) e loitará pola Supercopa co Barça
Tombita abriu a conta, e Dava Torres e Tomás Pereira marcaron a pares para asegurar o triunfo
O Liceo citouse na final cun Barça que goleou ao Calafell (11-2)
O Liceo avanzou á final da Supercopa nun disputado partido de semifinais que non resolveu ata o último minuto, e citouse na gran final do domingo co Barça.
Mediada a primeira metade do partido, Tombita abría o marcador a prol dos coruñeses. Buscou o empate o conxunto local, e gozou de varias ocasións, que foron desbaratadas polo porteiro liceísta Tiago Rodrígues. O equipo galego tamén tivo as súas opcións, pero finalmente Delma, o máis activo do Reus, foi o que estableceu o empate xa na segunda metade.
Non houbo que agardar moito para ver ao Liceo novamente con vantaxe. Acadouna Dava Torres so minuto e medio despois. E, outros dous minutos máis tarde, Tomás Pereira colocaba o 3-1 cun lanzamento afastado que sorprendía o porteiro.
Quedaba aínda moito partido e, dous e medio despois, era Aragonés o que colocaba o 3-2 que abría outra vez a semifinal. O empate a 3 chegaba a cargo de Julia, o que deixaba todo aberto. Pero foi entón cando tirou de oficio o equipo de Juan Copa. Primeiro Dava Torres aproveitou unha contra logo dun roubo de bola. E, xa no último minuto, Tomás Pereira atinaba sen porteiro para establecer o 5-3 definitivo. Na final volverá haber outra edición do clásico enfrontamento entre Liceo e Barça, logo da goleada dos blaugrana sobre o Calafell (11-2).