Publicador de contidos
Publicador de contidos

O litoral galego, baixo aviso laranxa por vento

O litoral galego, baixo aviso laranxa por vento

Vento de máis de 80 quilómetros por hora e ondas de ata 7 metros

O temporal obriga a desviar dous voos da Coruña a Santiago

Antón Montero 01/03/2024 19:57 Última actualización 01/03/2024 20:22

A primavera meteorolóxica comeza este venres cun tempo plenamente invernal en Galicia. Todo o litoral está en aviso laranxa por ventos que, por momentos, están superando os 80 quilómetros por hora e ondas de ata 7 metros.

E na Mariña lucense, o interior de Pontevedra e toda A Coruña, agás a Costa da Morte, súmase a todo isto un aviso amarelo por chuvias de ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas.

"Estamos no inverno e ata agora non houbo moito inverno. O inverno ten que vir", opinaba un home en Malpica.

"Ten que vir, pero vén un pouco con atraso. Este tempo xa tiña que vir en xaneiro, todo este febreiro xa pasado", retrucaba outro.

Polo momento, este novo temporal non causou máis incidencias que o desvío de dous voos, un procedente de Londres e outro de Madrid, que debían aterrar en Alvedro e acabaron facéndoo en Santiago.

A atención tamén está posta nos cauces dos ríos, en previsión de que se repitan desbordamentos como os da pasada fin de semana en Lugo.

Galicia está no centro dun corredor de vento ártico que forman unha borrasca en Irlanda e o anticiclón dos Azores. Así seguirá nos vindeiros días, aínda que o domingo a situación será máis tranquila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade