O Lugo perde co Levante (3-1) e agrava a súa situación
O Lugo perde co Levante (3-1) e agrava a súa situación
O equipo de Joan Carrillo deulle moitas facilidades a un Levante que non perdoa
O Lugo acumula oito xornadas sen gañar e suma un punto dos últimos 24
O Lugo segue sumando xornadas sen gañar, e cada vez ten máis complicada a misión de buscar a salvación. Segue na penúltima praza, pero a distancia cos equipos que están fóra de perigo medra cada xornada e fai que haxa que buscar nas estatísticas para atopar precedentes favorables.
Pero, máis aló dos números, o certo é que o Lugo concede en exceso. No Cidade de Valencia, tres erros fixeron posible unha cómoda vitoria dun Levante en estado de graza.
O equipo albivermello aguantou o que puido. É máis, logo do gol que abría o marcador, obra de Boudin pouco despois do cuarto de hora, deu igualado o marcador cun auténtico golazo de Sebas Moyano. O seu remate bateu no pau e aloxouse na portería granota.
Pero, sen tempo para asimilar o empate, Pablo Martínez aproveitou a seguinte ocasión para volver poñer en vantaxe os locais antes do descanso.
Na segunda metade o Lugo xa non deu igualado o marcador, e aínda encaixou a sentenza. Foi xa no tempo engadido, cando Rober Ibáñez establecía o 3-1 definitivo cun axustado remate.
O Lugo está xa a once puntos da salvación.