Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSOE cre que un encontro entre Sánchez e Puigdemont forma parte da "normalidade democrática"

O PSOE cre que un encontro entre Sánchez e Puigdemont forma parte da "normalidade democrática"

"Este Goberno caracterizouse precisamente por diálogo", defendeu a secretaria de Política Económica e Transformación Dixital do PSOE, Enma López

Imaxe do encontro que mantivera Puigdemont co dirixente socialista Santos Cerdán
G24.gal 26/12/2024 12:31

O presidente do Goberno non ten aínda data, pero si vontade de reunirse co líder de Junts, aínda fuxido en Bélxica. Pero Carles Puigdemont está visiblemente molesto cos socialistas. Asegura que "perdeu a confianza" no PSOE, que "non cumpre o pactado", di. Hai sete meses que se aprobou a lei de amnistía, pero aínda non conseguiu que se lle aplicase a el.

Para o PP, é Puigdemont quen manda no Goberno central. "Se Puigdemont lle pide a Sánchez que, para manterse no Goberno, baile unha xota, pois non lle quedará máis que bailala", asegurou en conferencia de prensa Ester Muñoz. A vicesecretaria de Sanidade e Educación do PP considera que o encontro acabará en novas concesións ao independentismo. "Ao final, a maneira coa que Sánchez tentou acabar co independentismo é cedendo a todo o que lle piden", dixo Muñoz. 

Para o PSOE, a reunión será un "exemplo de normalidade democrática" e critica a postura dos populares. Para Enma López, secretaria de Política Económica do PSOE, os do PP "están ó seu, falan para eles mesmos, non falan das cousas que lles importan aos españois e por iso, ao PSOE, non nos van despistar".

Queren sacar adiante uns Presupostos Xerais, para os que necesitan os votos de Junts. Tamén terán que contentar o socio da coalición, Sumar, que pide máis cartos na partida de vivenda.
Verónica Martínez Barbero, voceira de Sumar no Congreso, cre que a ministra do ramo "non se está atrevendo a frear os prezos do alugueiro" e que "ten que volver escoitar a rúa e saber o que nos pide a cidadanía, que é ser valentes".

Pero, polo momento, o Goberno xa prepara o camiño para prorrogar, a comezos do 2025, os Presupostos Xerais de hai dous anos.

"Hipocrisía" do PP con Junts

 Ao fío desta cuestión, a dirixente socialista aproveitou para criticar a "hipocrisía" do PP ao acusar o Goberno de "romper España" por pactar con Junts pero cando eles deciden falar ou pactar cos de Puigdemont "de súpeto son un partido de Estado e hai que tratar con eles con normalidade".

Durante a entrevista, López situou ao PP como un partido con "posturas máis propias da ultradereita" e lamentou o uso da "política de loiadas e mentiras" que, ao seu xuízo, levan a cabo os de Alberto Núñez Feijóo. Aínda así dixo que desde o PSOE "nada lles gustaría máis que poñerse de acordo" e puxo como exemplo diso o pacto migratorio, unha situación que describiu como "insostible" e na que segundo dixo, os socialistas "seguen sentados esperando" o PP.

Distancia con Sumar polo discurso do rei

López tamén foi preguntada polas declaracións de Sumar en que afirmaban que o discurso do Nadal de Filipe VI estaba "dereitizado". Aínda que non se pronunciou pola postura dos seus socios de Goberno, remarcou que no PSOE son "un partido democrático" e que os socialistas coinciden "totalmente coa mensaxe da súa maxestade, onde fala de consenso e do ben común".

Aínda así, cre que o que deberían facer "outras forzas políticas", é "contestar" e "mirarse ao espello" porque este discurso fala dos temas "verdadeiramente importantes", como a reconstrución tras a DINA, da vivenda e da defensa da democracia "para o que hai que baixar o ruído e non entregarse a esta política de crispación e de loiadas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade