O sector aplaude a ampliación das axudas ao coche eléctrico e pide axilidade
O sector aplaude a ampliación das axudas ao coche eléctrico e pide axilidade
A venda de coches eléctricos en España caeu este ano 8 décimas respecto a 2023
O prezo elevado e a escasa rede de recarga son as principais barreiras
Amplíase o tempo ata xuño de 2025 para beneficiarse das axudas á compra de vehículos eléctricos, e tamén se amplía o presuposto a repartir con 50 millóns de euros máis. É a decisión tomada polo Goberno central para impulsar a mobilidade eléctrica en España, unha noticia moi agardada polo sector, que tamén pide axilidade na tramitación das subvencións.
Incentivos moi necesarios para impulsar as vendas, que durante 2024 caeron en España en 8 décimas respecto ao ano anterior. Varios factores inflúen no escaso éxito do vehículo eléctrico entre os consumidores.
Poucos puntos de recarga, prezos elevados e a entrada da China no mercado europeo, onde xa vende o dez por cento dos vehículos eléctricos. Unha situación que complica cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea de ter cinco millóns e medio de coches eléctricos en circulación para o ano 2030.
A prórroga do plan mantén as mesmas condicións, cunha axuda máxima de sete mil euros se a cambio se entrega o coche antigo para o despezamento e 5.500 para os híbridos enchufables.