O Lugo queda sen un triunfo fundamental no minuto 98
O Lugo queda sen un triunfo fundamental no minuto 98
Encamiñou o partido cun gol de Javi Avilés no primeiro tempo
Germán Sánchez empatou na derradeira xogada do encontro
A sorte estalle a dar as costas ao Lugo. Tiña na man a primeira vitoria despois de tres meses sen conseguila, tres meses de penurias en que quedou afundido na clasificación. Pero todo se veu abaixo no minuto 98, cun córner que nunca debeu asubiar o árbitro porque na xogada anterior o Lugo forzara un saque de recanto que o árbitro non concedeu.
O gol de Javi Avilés no minuto 14 do primeiro tempo encamiñou o traballo do equipo de Iñigo Vélez. O primeiro tempo foi de moita pelexa e pouco fútbol. Na segunda parte mereceu pechar o partido o equipo lucense con ocasións de Gui Guedes e Señé. Tamén a tivo Gassama, ao que lle anularon un gol.
Todo ía ben, dous partidos sen recibir goles, tres puntos apañados ante un rival directo... ata que chegou a acción do empate. Un córner que rematou Germán Sánchez ás redes. Desesperación total entre os xogadores e o corpo técnico, con expulsión incluída para Secho. A permanencia queda a doce puntos.