Este luns comeza a campaña da cuarta dose contra a covid nas residencias
Este luns comeza a campaña da cuarta dose contra a covid nas residencias
En dúas semanas vacinarán as 22.000 persoas que viven neste tipo de centros
O Sergas ofrece a posibilidade de vacinarse ao mesmo tempo contra a gripe
O luns comeza a campaña para poñerlle a cuarta dose da vacina contra a covid ás persoas maiores que viven en residencias, unhas 22.000 en toda Galicia. O Sergas cre que en dúas semanas estarán todas vacinados e xa poderá comezar a vacinar as maiores de 80 anos que poidan desprazarse aos grandes centros de vacinación.
Hai algo menos de dous anos, o 27 de decembro de 2020, Nieves Cabo era a primeira persoa que recibía a primeira vacina contra a covid en Galicia. Foi na residencia de maiores Porta do Camiño de Santiago. Este luns 26 de setembro, ás oito da mañá, os equipos de enfermería volven a este centro para poñer a cuarta dose, que é a segunda de reforzo.
"Durante as próximas dúas semanas vacinaranse todos os residentes, aproximadamente uns 22.000 en toda Galicia, e contamos con que nesas dúas semanas estean todos vacinados", explica Antonio Acevedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
Desde o Sergas lembran que as vacinas contra a covid marcaron un antes e un despois nas residencias. Entre as consecuencias e aprendizaxes da pandemia, Acevedo apunta ao novo modelo de residencias aprobado o ano pasado e baseado nun trato máis humano, melloras estruturais e tecnolóxicas e profesionais con máis formación.
"Estamos xa co primeiro plan de formación no ámbito sociosanitario, co que estamos formando os profesionais nos distintos eidos nos que eles nos dixeron que querían, estamos implantando melloras tecnolóxicas, tamén coa certificación de calidade das residencias e tamén estamos redactando a normativa da estrutura das residencias, que será o que marque como serán esas residencias do futuro", salienta.
De momento, o director xeral de Maiores evitou cuantificar o tempo de espera para acceder a unha praza nunha residencia pública. Asegura que varía en función das necesidades e preferencias das persoas solicitantes.