O mar galego viaxa en 'foodtruck' por España
O mar galego viaxa en 'foodtruck' por España
En total, realizaranse case 1.000 degustacións e serviranse máis de 200.000 petiscos
O presidente da Xunta Alfonso Rueda acudiu este mércores na Praza do Obradoiro á presentación de catro rutas de foodtrucks que percorrerán case 260 municipios de toda España vinculados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar no marco da campaña Galicia sabe aMar e animar a cidadanía a consumilos.
O acto, no que tamén participou a conselleira do Mar Rosa Quintana, centrouse en enxalzar a gran variedade de peixes e mariscos con que conta Galicia —as lonxas galegas comercializan máis de 300 especies diferentes— e as especiais características deses produtos, como a súa frescura e calidade.
Os catro vehículos percorrerán case 6.400 quilómetros deses máis de 250 municipios que suman ao redor de 13 millóns de habitantes e permanecerán neles entre un e tres días ofrecendo unha degustación ao mediodía e outra pola tarde.
En total, realizaranse case 1.000 degustacións e serviranse máis de 200.000 petiscos. Os seus destinos serán Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia, respectivamente.
As persoas que se acheguen a estas foodtrucks rotuladas coa lema Galicia sabe aMar poderán probar algunhas das dez receitas que se van elaborar con produtos certificados do mar (como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos co selo pescadeRías), xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.
Así serán os catro percorridos
A primeira das catro rutas gastronómicas partirá de Santiago de Compostela e finalizará en Irún, após percorrer cidades como A Coruña, Ferrol, Xixón, Santander, Bilbao e San Sebastián. Este mes a súa presenza en Galicia centrarase en Santiago de Compostela (do 16 ao 18), Rianxo (o 19 e o 20), Boiro (23 e 24), A Pobra do Caramiñal (25) e Ribeira (26 e 27).
A segunda ruta pasará por Lugo, León, Burgos e Logroño antes de finalizar en Pamplona. Nestes primeiros días visitará Negreira (xoves), Vimianzo (o venres), Zas (o sábado), Santa Comba (19 e 20), Coristanco (23), Cerceda (24) e Ordes (25 e 26).
A terceira foodtruck terá como principais paradas Pontevedra, Vigo, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Mérida e Sevilla. No entanto, o seu percorrido por Galicia fará que pase por Ames (xoves e venres), Brión (o sábado), Salvaterra de Miño (o domingo), Teo (os días 22 e 23), Padrón (24), Valga (25) e Caldas de Reis (26).
O cuarto itinerario pasa por Astorga, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Albacete e finaliza en Valencia. Antes de dar o salto a territorio nacional visitará este xoves Vila de Cruces, o venres e o sábado Lalín, o domingo Silleda, os días 22 e 23 A Estrada, o 24 Ponte Caldelas, o 25 Salceda de Caselas, o 26 Vedra e o 28 de febreiro e o 1 de marzo, Ponteareas.