Cidades e vilas galegas claman contra a desigualdade
Cidades e vilas galegas claman contra a desigualdade
Unha multitude clama contra as desigualdade en vilas e cidades
O tempo desapracible non botou para atrás as galegas, e cada vez máis galegos, empeñadas en lembrar, como cada 8M, todo o que queda por facer en materia de igualdade.
"Temos que empezar por educar. Non excluír, creo que tanto o movemento trans como os homes teñen que participar, isto non é unha loita só nosa", di unha manifestante.
A axenda feminista segue aberta. Mantense a fenda salarial e a desigualdade no acceso a determinados postos de traballo. E moitas mulleres que ven limitado o seu desenvolvemento profesional e persoal por asumir en solitario os coidados de nenos e maiores.
"Temos dereito a vivir libres, sen culpas para facer a nosa vida como queiramos, polo día ou pola noite, nas nosas casas, nos nosos postos de traballo", explica unha integrante da Plataforma Feminista de Galicia.
Sempre presente tamén a loita contra os feminicidios, e a violencia de xénero en todas as súas vertentes.
"Aínda existe moita violencia cara á muller, micromachismo, moito acoso nas rúas", relata unha moza moi nova participante nas marchas.
En Compostela a Plataforma Feminista e a Marcha Mundial das Mulleres ían manifestarse por separado, pero saíron practicamente xuntas.
"Temos máis en común que o que nos separa, somos mulleres, somos as protagonistas e é o noso día", incidían na Plataforma Feminista.
Nas outras cidades, aínda que non houbo convocatoria unitaria, as diferentes plataformas tamén marcharon ao mesmo tempo e co mesmo percorrido.