Publicador de contidos
Publicador de contidos

O nacionalista John Swinney asume o liderato do SNP e postúlase para dirixir Escocia

O nacionalista John Swinney asume o liderato do SNP e postúlase para dirixir Escocia

Foi declarado novo líder do Partido Nacional Escocés e, se recibe o apoio do Parlamento esta semana, converterase no novo ministro principal de Escocia

O dirixente di que sempre defenderá a "independencia de Escocia"

John Swinney / Reuters John Swinney / Reuters
G24.gal 06/05/2024 17:29 Última actualización 06/05/2024 18:51

O novo líder do Partido Nacional Escocés (SNP), John Swinney, dixo este luns no seu primeiro discurso como dirixente da formación que, "con respecto e cortesía", sempre tentará "persuadir a xente de que é necesario defender a independencia de Escocia".

Swinney foi declarado este luns novo líder do independentista SNP despois de que ningún outro candidato se presentase para asumir as rendas da formación e do Goberno autonómico escocés tras a recente dimisión de Humza Yousaf.

No seu primeiro discurso como líder do SNP, Swinney dixo que o que pide "a quen se opón a esa visión (da independencia) é que tamén actúen coa mesma cortesía e respecto. Iso significa que a independencia non é unha razón para que se neguen a traballar connosco para construír a economía, apoiar o emprego e mellorar o servizo de saúde" en Escocia.

Tamén lanzou unha mensaxe para os que si comparten este ideal: "Se alguén é partidario da independencia en Escocia e quere que Escocia sexa independente, só hai un partido político que o cumprirá, e ese é o Partido Nacional Escocés", dixo o político, que admitiu que necesita recuperar os votos dos partidarios da independencia escocesa que estaban descontentos co partido.

Swinney, de 60 anos, asegurou que se centrará na economía, os empregos e o custo de vida, a fin de ofrecer un futuro mellor para as persoas de contornas máis pobres. O dirixente agregou que, baixo o seu liderado, o SNP será un lugar onde a xente poderá reunirse para conversar abertamente. "Escocia gaña cando gaña o SNP", puntualizou.

Así mesmo, a través da súa conta da rede X, o político dixo que sentía “profundamente honrado de ser elixido líder do SNP. "Darei todo o que teño para servir o meu partido e o meu país".

A última hora do domingo, Graeme McCormick, veterano activista do SNP e abertamente crítico co Goberno escocés, manifestara a súa intención de presentarse ao liderado ao considerar que contaba con apoios suficientes, aínda que máis tarde comunicou que non o faría e que apoiaba a Swinney. Outra posible candidata era a exsecretaria de finanzas Kate Forbes, que finalmente decidiu apoiar a Swinney a cambio dun posto significativo no seu goberno.

Yousaf anunciou a súa dimisión debido ás crecentes presións que recibiu nos días anteriores e ameazado por dúas mocións de censura tras poñer fin a unha coalición de goberno cos Verdes escoceses e que deixou o partido cun goberno minoritario.

John Swinney necesita o apoio do Parlamento

Swinney deberá someterse á aprobación parlamentaria para suceder a Yousaf esta semana e necesitaría unha maioría simple de votos a favor no Parlamento para asegurala. O SNP ten 63 escanos nunha cámara formada por 129 asentos. En caso de obtela, o Parlamento recomendaría ao rei Carlos III que o novo líder sexa nomeado como ministro principal.

No caso de que o Parlamento de Holyrood non lograse poñerse de acordo para nomear o novo ministro principal de Escocia no prazo de 28 días, a cámara estaría obrigada a propoñer unha data para celebrar eleccións autonómicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos