Sanxenxo recibe a Xoán Carlos I, quen finalmente non compite nas regatas
O monarca fotografouse coa tripulación do seu barco, o Bribón, e despois foi subido a unha zodiac do Club Náutico
Centos de persoas saudaron a chegada do exxefe do Estado e da súa filla Helena ao peirao de Sanxenxo
Desde moi cedo os preto dos douscentos medios de comunicación acreditados facían garda ás portas da casa de Pedro Campos e tamén no porto deportivo e no club náutico. Sobre as nove da mañá o rei recibiu a visita do alcalde de Sanxenxo que durou aproximadamente unha hora. Á saída Telmo Martín dixo que o rei está ilusionado e que xa hai data para a súa próxima visita á vila. "Confirmoume que vai asistir o campionato do mundo de vela, que comeza o 10 de xuño, e dixo que tiña que defende o título", explicou o alcalde.
Chegou canso e ceou na casa do seu anfitrión, foi unha cea caseira con produtos galegos e sen marisco. Ás doce e vinte da mañá saía da vivenda acompañado da súa filla a Infanta Helena no coche conducido por Campos. A súa chegada ao club náutico agardábano centos de veciños que lle deron unha benvida moi emotiva entre aplausos e vítores.
Don Xoán Carlos non parou a falar cos medios de comunicación, pero achegouse a saudar os veciños. No interior do Náutico os socios lle tiñan preparado un acto de benvida, aquí recibiu unhas zocas como agasallo tradicional galego.
O rei Xoán Carlos fotográfase coa tripulación do Bribón, pero non compite
Tras a recepción, Xoán Carlos I embarcou no Bribón, onde posou para os medios de comunicación xunto ao resto da tripulación que participa esta tarde na regata Copa de España.
O rei honorífico fotografouse coa tripulación, pero finalmente non competirá, pois o subiron a bordo dunha zódiac do Náutico de Sanxenxo, de nome Cristina. Seguirá a regata a bordo da lancha de apoio, está previsto que arredor das cinco e media da tarde regrese ao porto.
No embarcadoiro, do mesmo xeito que no club, tamén a expectación foi máxima, para poder ver ao monarca.
A repercusión mediática na vila
O dispositivo informativo para cubrir o regreso do monarca a España sorprende os veciños desta vila turística. Din que sempre foi ben recibido e que é ilusionante que escollera Sanxenxo como primeiro punto de destino en España despois da súa ausencia.
"Leva dous anos sen vir a España, e a primeira vila que toca é Sanxenxo. Estamos orgullosos de que elixira vir aquí. " di un veciño. Os veciños de Sanxenxo están contentos de recibir de novo a don Xoán Carlos."Isto é unha emoción para a vila"
Don Xoán Carlos visitou en varias ocasións a vila pontevedresa. A súa presenza non é, pois, unha novidade para os veciños, pero si unha sorpresa a enorme repercusión mediática. Alfonso Martínez, presidente do Consorcio Turismo de Sanxenxo, cualifica esta repercusión mediática como "brutal" e di que para Sanxenxo é unha publicidade moi importante.
Xulio Presas, da asociación de comerciantes de Sanxenxo, di que a repecusión non só a nivel nacional, senón tamén internacional, é un aliciente para que a xente os visite no futuro. Moitos agardan ter a oportunidade de velo.