Publicador de contidos
Publicador de contidos

As bolsas mundiais baixan con forza, co Nikkei sufrindo a súa segunda maior caída da historia

As bolsas mundiais baixan con forza, co Nikkei sufrindo a súa segunda maior caída da historia

O mercado toquiota non rexistraba unha caída como a deste luns desde o ano 1987, cando sufrira o seu maior descenso histórico

O temor á recesión nos Estados Unidos arrastra a todos os mercados mundiais

As bolsas europeas abren as xornadas con caídas, o Ibex 35 cae na apertura case un 3 %

Imaxe de arquivo da Bolsa de Toquio (Reuters/Issei Kato) Imaxe de arquivo da Bolsa de Toquio (Reuters/Issei Kato)
G24.gal 05/08/2024 09:06 Última actualización 05/08/2024 12:40

O principal índice da Bolsa de Toquio, o Nikkei, esborrallouse un 12,40 % este luns, a segunda maior caída porcentual da súa historia, arrastrado polo fortalecemento do ien, fomentado á súa vez pola última subida de tipos do Banco de Xapón (BoJ), e unido aos temores a unha recesión nos Estados Unidos.

Desta forma, o Nikkei encaixou o seu maior descenso porcentual desde o Black Monday (luns negro), o 20 de outubro de 1987, cando se depreciou un 14,90 %, e tamén a súa maior caída en puntos da historia, ao exceder os 3.836,48, tamén dese día.

O índice alcanzou os 42.426,77 puntos o pasado 11 de xullo e marcou entón o seu récord histórico, empurrado pola continuada depreciación do ien. Desde entón, o selectivo referencial acumula unha caída do 25,5 %, e 10.765,60 puntos.

O cambio na política monetaria nipoa amplificou o efecto dos temores a unha desaceleración económica nos EUA tras uns datos de emprego moito peores do esperado que desataron as especulacións dun aumento do ritmo do recorte de tipos de interese no país norteamericano, o que deparou fortes caídas tamén noutras bolsas asiáticas neste inicio de semana.

Temores a unha recesión nos Estados Unidos

En xeral as bolsas de Asia, encabezadas polos parqués de Xapón, Corea do Sur e Taiwán, esborralláronse este luns, seguindo as caídas globais da pasada semana e ante eses temores a que se desate unha recesión nos EUA.

Amais da caída de Toquio, a Bolsa de Seúl baixou este luns un 8,77 % ao peche das operacións.

A praza surcoreana, do mesmo xeito que o resto das asiáticas, viuse hoxe afectada polas caídas coas que pechou a semana pasada Wall Street. A taxa de desemprego dos Estados Unidos subiu dúas décimas en xullo e situouse no 4,3 por cento, o dato máis alto desde outubro de 2021.

En Taiwán, o principal índice de referencia da Bolsa de Taipei, o Taiex, pechou cunha baixada do 8,35 % tras perder 1.807,21 puntos, o que marca o maior descenso nunha soa sesión na súa historia.

Arrastra o mercado europeo

As caídas en Asia arrastraban xa na apertura ao mercado europeo. O Ibex 35 iniciou a xornada cunha caída do 2,85 %, descenso liderado polas entidades bancarias, pero que afecta ao total dos valores cotizados no mercado español. Ese descenso sitúabase no entonro do 2,4 % tras tres horas de sesión.

Os números vermellos son xerais en todos os parqués de Europa. O Dax alemán caía tras a apertura máis do 2,89 %, o Cac francés por enriba do 2,7 % e o Euro Stoxx británico retrocedía un 3,28 %.

Xa avanzada a sesión o descenso en Francfort era do 2,5%, en París do 2,2 % e en Londres do 2,1 %.

Os futuros anticipan unha apertura á baixa da bolsa de Nova York.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade