O Noia vende cara a derrota diante do Barcelona
O Noia vende cara a derrota diante do Barcelona
O líder acabou por impoñer a súa calidade no segundo tempo (2-4)
Día histórico en Noia. A visita do que é probablemente o mellor equipo do mundo, o Barça, converteuse nun día de festa no que o único que non acompañou foi o resultado. O Noia Portus Apostoli competiu á perfección durante 32 minutos, sobre todo nun primeiro tempo extremadamente igualado no que tivo opcións para tomar a dianteira no marcador.
Tamén o Barça, que tivo que agardar ata os primeiros segundos do reinicio para ver porta. Marcou Matheus, superando por baixo a Henrique. Pouco despois apareceu a calidade individual de Dyego para ampliar a conta do equipo catalán. O terceiro foi logo dun erro no pase do Noia do que tirou proveito Pito. Foron oito minutos para esquecer, aos que Marlon Velasco puxo fin colocando na pista o cinco para catro. Na primeira acción conseguiu marcar Bruno Gomes.
A insistencia do Noia foi case heroica fronte a un Barça acostumado a defender este tipo de situacións- Machado colocou o 2-3 e quedaban aínda cinco minutos para un final que se lles fixo eterno aos cataláns. Non aseguraron a vitoria ata os últimos instantes cando Feixas desde a súa porta tirou proveito dos riscos asumidos polos da Barbanza. Co público en pé nos últimos segundos rematou un bonito partido de fútbol sala, que demostrou que este Noia é capaz de competirlle a calquera.