O Estado Islámico difunde o vídeo do atentado de Moscova en que morreron 137 persoas
O Estado Islámico difunde o vídeo do atentado de Moscova en que morreron 137 persoas
Rusia chora as vítimas do atentado mentres avanza a investigación
Hai once detidos vencellados co masacre, catro deles pola súa participación directa
Rusia vive un día de loito polas vítimas do atentado deste venres na popular sala de concertos Crocus City Hall, nos arredores de Moscova. A medida que pasan as horas, o balance aumenta. Agora hai catro novos falecementos e 26 persoas máis feridas.
Segundo os últimos datos proporcionados polas autoridades, o ataque terrorista causou 137 vítimas mortais, entre elas tres menores, e 180 persoas feridas. Algunhas delas quedaran en estado de shock e non pediran asistencia sanitaria ata o de agora.
Dende primeira hora, xente con flores achégase ao lugar do atentado na cidade de Krasnogorsk, a uns 20 quilómetros do centro da capital. Xa a véspera, segundo puido constatar EFE, á beira do edificio da sala de concertos apareceu un memorial espontáneo.
Este domingo as bandeiras en institucións oficiais rusas e as súas embaixadas no exterior permanecerán a medio mastro en sinal de loito. Tamén foron cancelados os actos culturais e actividades de lecer en todo o país.
O atentado, reivindicado polo Estado Islámico, é o maior ataque terrorista sufrido por este país en dúas décadas despois da matanza en Beslán (2004).
O Estado Islámico publicou en redes un vídeo gravado o venres polos propios terroristas en pleno masacre. É unha gravación de minuto e medio que da conta da brutalidade do atentado.
Nas imaxes, os atacantes abren fogo e danse ordes, mentres disparan indiscriminadamente e acoitelan a persoas que estaban entre o público. Despois marchan do edificio mentres empeza o lume que provocaron.
Segundo os servizos de investigación rusos, as imaxes foron tomadas polos terroristas e difundidas polas redes sociais. Os mesmos que tomaron esas imaxes compareceron este domingo ante as comisións que investigan este masacre.
O presidente ruso, Vladimir Putin, dixo este sábado que "todos os autores, organizadores e os que encargaron este crime recibirán un merecido e irremediable castigo, sexan quen sexa e independentemente de que os enviaran".
Detencións
As forzas de seguridade detiveron ata o momento once persoas vinculadas co atentado, catro das cales participaron persoalmente na matanza, segundo as autoridades.
Mentres, nos medios e redes sociais rusos difúndense historias das vítimas do ataque, contadas por amizades ou familiares.
Tamén algúns sobreviventes comparten imaxes de primeira man desde a sala de concertos durante o ataque que sorprendeu ao público do concerto do grupo Piknik. Segundo fontes oficiais, o día da actuación, esgotáronse as máis de 6.000 entradas á venda.
Loito
Rusia viviu este domingo un día de loito nacional polos mortos no atentado do venres. Diante da sala de concertos, atacada polos terroristas do Estado Islámico, medra unha montaña de flores, candeas e xoguetes. A pesar da chuvia e do frío, unha marea de xente se achegou para renderlle homenaxe ás vítimas.
Mikhail conta que ninguén esperaba o que pasou pero di que non hai pánico, só ira, unha ira xusta que os fai máis fortes. Farida lembra que a súa primeira reacción foi de horror, especialmente porque hai nenos implicados". E o seu compañeiro engade que a dor que senten é tan grande que non se pode expresar con palabras.
Tamén o presidente Putin acudiu a unha igrexa situada ao leste de Moscova para mostrar a súa dor polo atentado terrorista máis mortífero sufrido por Rusia nos últimos 20 anos.
As bandeiras ondean media asta e as pantallas de rúas e grandes establecementos mostran unha candea sobre un fondo negro coa data do atentado, 22 de marzo de 2024. Os memoriais sucéndense por todo o país. E fóra tamén.
A embaixada rusa en España amenceu cun improvisado altar formado polas flores que deixaron cidadáns rusos residentes en España.