O oficio da olería deféndese en Niñodaguia
O oficio da olería deféndese en Niñodaguia
Esta fin de semana celebran o X Encontro de Cacharreiros, no que os visitantes poden experimentar o proceso de moldeado coa súas propias mans
Os cacharreiros de Niñodaguia, na provincia de Ourense, loitan para manteren viva a súa tradicional artesanía. Esta fin de semana celebran o X Encontro de Cacharreiros, no que os visitantes poden experimentar o proceso de moldeado coa súas propias mans
As mans de Agustín levan unha vida enteira moldeando arxila en Niñodaguia. É o penúltimo cacharreiro.
Agustín Vázquez Ferreiro, organizador do encontro: "E non hai remuda xeracional. O que pasa é que son un bohemio louco ao que lle gusta a olería tradicional e loito para que teñamos este encontro de cacharreiro, e espero que se manteña nun futuro".
A poucos quilómetros, Miguel vén de recuperar a olería de Tioira. Volveu ao oficio paterno e leva dez anos pelexando desde o torno, pola súa conservación e recoñecemento.
Miguel Carrera, oleiro de Tioira: "Unha sesión de psicólogo gratis. Isto é moi relaxante, pásache o tempo moi ben. É un oficio moi agradecido".
Todos falan con paixón do seu traballo, pero lamentan que non se valore axeitadamente, como patrimonio cultural que é. Por iso se esforzan en facelo xermolar entre os máis novos, un auténtico exército disposto a mancharse o que faga falta para crear coas súas propias mans.
Susana González, ceramista da Coruña: "Os futuros mercadores de pezas de olería teñen que entusiasmarse desde pequenos, que descubran a maxia e se namoren deste contacto".
Aquí mesmo, no Museo da Olería, poden comprobar do que son capaces estes artesáns. A de Niñodaguia caracterízase pola súa cor amarela.
Mónica Blanco, guía do Museo da Olería: "É un barro con moito contido en caolín que, á parte de lle dar a cor amarela, dálle unha gran plasticidade que se traduce en lixeireza á hora de traballalo".
Tamén participa no encontro o telleiro, outra variante do oficio de moldear coas mans.