O Ourense C. F. golea na casa o Coruxo
O Ourense C. F. golea na casa o Coruxo
Os locais aproveitaron unha expulsión e un penalti a favor para rematar goleando un partido igualado no primeiro tempo
O Ourense C. F. sacou os tres puntos nun partido máis igualado do que o marcador reflectiu ante un Coruxo ao que se lle fixo longo o encontro. Os locais aproveitan esta vitoria para colocarse líderes á espera do partido do Pontevedra, mentres o Coruxo segue sexto con 42 puntos.
A primeira metade foi igualada e sen moitas ocasións. Soamente Mateo Míguez conseguiría enviar o balón ao fondo da rede cun golpeo dende a frontal.
A segunda parte resultou completamente distinta. Unha expulsión de Dani Pereiro en contra do Coruxo declinaría a balanza na súa contra e, cun Ourense cun home máis, chegaría o empate da man de Gabri Palmás. Pouco tempo despois, un penalti moi protestado polos vigueses consumaría a remontada co golpeo de Di Renzo e minutos máis tarde un terceiro gol tras unha xogada por banda esquerda remataría de liquidar un Coruxo extenuado.
Os locais chegarían a marcar ata dous goles máis, no 80' e no 95' por parte de Gabri Palmás e Di Renzo, ambos anotadores de dous tantos no encontro. O Ourense (63 puntos) vence na casa e mete presión ao Pontevedra (62 puntos), que xogará mañá en San Lázaro ante a S. D. Compostela.