Publicador de contidos
Publicador de contidos

O pacto de rendas ten precedentes, o pacto á carta non, por María Bastida

OPINIÓN

O pacto de rendas ten precedentes, o pacto á carta non, por María Bastida

G24.gal 03/10/2022 08:10

Nos últimos meses, varios son os chamados á conformación dun pacto de rendas en España: o máis recente, o realizado polo gobernador do Banco de España o pasado venres, no Foro celebrado na illa da Toxa.

Hernández de Cós sintetizou perfectamente o sentido e significado deste pacto, que non é outro que asumir un reparto de perdas: a suba do custo de materias primas e enerxía supón perdas para a economía en xeral, que se traducen en perdas para todos. Ante isto, hai dúas alternativas. A primeira, facer unha suba simultánea de prezos e salarios, para paliar o efecto da inflación. Como é obvio, os representantes dos traballadores demandan unha suba de soldos para compensar a perda de poder adquisitivo consecuencia da inflación. O problema é que, se soben os salarios, aumentan máis os custos de produción, o cal deriva en novas demandas de suba salarial e repetición do proceso. Unha retroalimentación inflacionaria —a temida espiral de prezos e salarios— que dana non só a eficiencia empresarial, senón a nosa competitividade e, a longo prazo, o crecemento económico e o emprego.

A segunda alternativa pasa, precisamente, polo pacto de rendas. En termos xerais, trátase dunha negociación a tres bandas (empresariado, axentes sociais, e goberno) que tenta frear as subas salariais pero tamén a repercusión do incremento dos custos, incluído o salarial, nos prezos dos produtos e servizos. Asume certa marxe de suba, pero sempre por debaixo da inflación. En definitiva, implica repartir as perdas entre todos: os traballadores perden poder adquisitivo e o empresariado reduce as súas marxes de beneficio absorbendo o incremento de custos de produción. O que vén sendo empobrecernos todos agora para evitar empobrecerse máis no futuro.

O problema é que o pacto de rendas ten que ser xeneralizado. Segundo os datos proporcionados por Hernández, os incrementos salariais pactados para 2022 nos convenios colectivos rexistrados no primeiro trimestre situáronse no 2,4 %, claramente por debaixo do nivel de inflación, e máis dun 80 % das empresas experimentaron un aumento de custos no mesmo período, aínda que pouco máis da metade aumentaron o prezo dos seus produtos. Parece, pois, que implicitamente se está avanzando na dirección indicada.

Porén, como o propio gobernador indica, tamén as Administracións Públicas deben asumir a repartición de rendas coas que están baixo o seu control. Non parece, pois, acaído que non se valore incluír neste pacto as rendas pasivas, nin sequera as máis elevadas. Así, o pacto nace ferido de morte.

A senda parece clara: chegar a un acordo, evitar as actualizacións inmediatas de salarios indexada á inflación, e acadar compromisos plurianuais de moderación de incrementos salariais e marxes empresariais. Quizais poderíamos engadir que cómpre que estas receitas sexan xerais. O pacto de rendas ten precedentes, o pacto á carta non. E non parece o mellor momento para ensaialo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade