O papa sofre un empeoramento repentino con dous episodios de insuficiencia respiratoria aguda
O prognóstico segue sendo "reservado"

O papa Francisco sufriu este luns dous episodios de insuficiencia respiratoria aguda, no seu décimo oitavo día ingresado no hospital Gemelli de Roma, pero en todo momento permaneceu lúcido, informou a Santa Sé.
"Na xornada de hoxe o santo pai presentou dous episodios de insuficiencia respiratoria aguda causados por unha importante acumulación de mucosidade endobronquial", lese no comunicado diario.
Estes episodios causaron unha nova crise de "broncoespasmo".
Por iso se lle practicaron dúas broncoscopias e se lle aspiraron as "abundantes secrecións".
Francisco tivo que retomar pola tarde a ventilación mecánica "non invasiva".
O pontífice, segundo o Vaticano, permaneceu "sempre lúcido, orientado e colaborador".
O pontífice, de 88 anos, atópase ingresado no hospital Gemelli de Roma desde o pasado 14 de febreiro por unha bronquite con infección polimicrobiana á que se sumou unha pneumonía bilateral.
O prognóstico segue sendo "reservado", é dicir, que os médicos non aclaran a posible evolución do seu estado clínico.
Os sanitarios que o asisten no Gemelli consideran a crise desta tarde "terminada", despois das outras dúas que presentou nas últimas semanas, unha respiratoria ao pouco do seu ingreso e outra de broncoespasmo o venres.
Pero isto non quere dicir que a crise non poida repetirse, segundo fontes da Santa Sé. "Hai falta tempo para superar as pneumonías e poden presentarse outras crises", afirman.
O seu estado era "complexo e segue sendo complexo", din, á vez que subliñan que esta tarde foi "un pouco difícil" na décima planta do Gemelli, onde repousa o papa.
Ata a mañá deste luns, O Vaticano informou de que a pneumonía bilateral sufrida polo papa presentaba unha "evolución natural" e que o seu estado era "estable".
Mentres, Francisco descartou presidir os ritos do Mércores de Cinza, esta semana, e tampouco se sabe como terán lugar os exercicios espirituais que pretendía celebrar co resto da Curia Romana a partir do próximo domingo pola Coresma.
O pontífice arxentino segue sen aparecer ante os fieis e a difusión dunha imaxe súa "non sucederá inmediatamente", segundo as fontes da Santa Sé.
Por terceiro domingo consecutivo, o papa non pronunciou este domingo a mensaxe do Ángelus, pero difundiuse o texto.
No mesmo, Francisco asegurou sentir "no corazón 'a bendición' que se esconde dentro da fraxilidade" e agradeceu aos médicos e sanitarios que o están asistindo, así como ás persoas que rezan e esperan a súa recuperación en todo o mundo.
Na noite deste luns proseguirá o rezo do Rosario na Praza de San Pedro do Vaticano, esta vez presidido polo cardeal estadounidense Robert Francis Prevost, prefecto do Dicasterio para os Bispos.