Unha explosión de gas deixa dezaoito feridos nun edificio de vivendas en Asturias
Tres persoas resultaron feridas graves tras a explosión e foron trasladadas ao Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA)

Unha explosión de gas ocorrida na rúa Ramón e Cajal de Mieres deixou 18 feridos. O Servizo de Emerxencias do Principado de Asturias (SAIBA) mobilizou efectivos de Bombeiros dos parques de Mieres e La Morgal e a Unidade Canina de Rescate.
Segundo datos facilitados polo Servizo de Atención Médica Urxente tres persoas resultaron feridas graves tras a explosión. Os tres feridos foron traslados ao Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), en Oviedo.
Ata a zona do suceso tamén se achegaron a delegada do Goberno en Asturias, Adriana Lastra, e a conselleira de Saúde do Principado, Concepción Saavedra.
Lastra explicou que se fará unha cata no subsolo da zona para saber se hai unha bolsa de gas que poida provocar outra deflagración. É por iso que continúa establecido un perímetro de 150 metros ao redor da explosión.
O hospital Álvarez Buylla atendeu 10 pacientes, 9 acudiron polos seus medios e outra derivaba en medios mobilizados polo SAMU, ao Valle del Nalón deriváronse dous pacientes e outros dous foron dados de alta in situ.
Os bombeiros solicitaron a mobilización de maquinaria para poder retirar parte dos entullos e rastrexar a zona para verificar a presenza de persoas atrapadas no interior.
O Centro de Coordinación de Emerxencias do 112 Asturias recibiu o aviso ás 16.00 horas. Nas chamadas indicaban que se produciu unha grande explosión e había polo menos sete persoas feridas.
Tras chegar ao lugar, os bombeiros do parque mierense confirmaron que unha vivenda estaba derruída e había lume nunha lindeira.