O Parlamento de Venezuela di que Urrutia validou a vitoria de Maduro, pero o opositor di que asinou coaccionado
O Parlamento de Venezuela di que Urrutia validou a vitoria de Maduro, pero o opositor di que asinou coaccionado
O Parlamento de Venezuela di que Urrutia validou a vitoria de Maduro, pero o opositor di que asinou coaccionado
Urrutia di que ese documento é nulo porque o obrigaron a asinalo con ameazas
A Asemblea Nacional de Venezuela dálle 24 horas para que rectifique esas acusacións
O Parlamento Europeo vota este xoves se recoñece a González como presidente de Venezuela
O Senado aproba a petición do PP, apoiada por Junts, para que o Goberno recoñeza a Edmundo González
O presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Jorge Rodríguez, mostrou este mércores unha "carta asinada" polo candidato da oposición maioritaria, Edmundo González Urrutia, na que di acatar a decisión do Tribunal Supremo de Xustiza de validar o controvertido triunfo de Nicolás Maduro nas eleccións do 28 de xullo.
Ante esta afirmación, González Urrutia explicou nun vídeo difundido nas súas redes sociais que, mentres estaba refuxiado na residencia do embaixador español en Caracas, o presidente da Asemblea Nacional e a vicepresidenta, Delcy Rodríguez, o obrigaron a asinar un documento "baixo coacción" e, por tanto, nulo, coa advertencia de que, se non o facía, teríase que “ater ás consecuencias”
Nunha alocución televisada, Rodríguez indicou que representantes do Goberno de Nicolás Maduro foron "contactados por interlocutores" de González Urrutia para establecer comunicacións, xusto cando a Xustiza venezolana librara unha orde de captura contra o candidato da principal coalición opositora, a Plataforma Unitaria Democrática (PUD).
Eses interlocutores, proseguiu o chavista, manifestaron o "desexo que o señor González Urrutia tiña de abandonar o país", polo que solicitou ás autoridades venezolanas salvocondutos para poder desprazarse ao aeroporto e tomar o voo, nun avión das Forzas Aéreas españolas, que finalmente o levou ata España, onde solicitou asilo político.
"Sempre estiven e seguirei disposto a recoñecer e acatar as decisións adoptadas polos órganos de Xustiza, incluíndo a precitada sentenza da Sala Electoral (que validou o triunfo de Maduro nas urnas) que, aínda que non a comparto, acátoa", di a misiva, que foi exhibida por Rodríguez, quen destacou a firma "voluntaria" do antichavista.
O presidente da Asemblea Nacional dálle 24 horas para que desminta as acusacións
Logo de coñecer esas acusacións de Edmundo González, o presidente da Asemblea Nacional deulle un prazo de 24 horas para desmentir a denuncia sobre suposta coacción.
"Se vostede insiste en que isto é unha coacción eu vou mostrar os detalles das conversas", dixo Rodríguez nunha rolda de prensa, na que presentou unha carta asinada polo antichavista, en que acatou "de maneira voluntaria", dixo, a sentenza do Tribunal Supremo de Xustiza que validou o controvertido triunfo de Nicolás Maduro nas eleccións presidenciais do 28 de xullo.
Rodríguez detallou que estas probas son "audios" que decidiu resgardar pois, dixo, "cabía a posibilidade de que (o opositor) negase a verdade", en alusión á misiva, na que quedou escrito o "compromiso" do excandidato presidencial de non asumir representación dos poderes públicos de Venezuela no exterior.